domingo 31.05.2020

O Consello de Europa recomenda de forma “inmediata” eliminar “as limitacións á docencia en galego”

Un informe da Comisión de Expertos sobre a realidade das linguas minorizadas no Estado español constata dificultades e incumprimentos para o galego e constata a preocupante perda de falantes. "A transmisión do idioma de pais a fillos xa non está garantida", alerta.

Manifestación de Queremos Galego
Manifestación de Queremos Galego

O Comité de Expertos da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas fai unha avaliación da situación do galego, o catalán, o euskera ou o asturiano no Estado español e plasmou nun informe que vén de ser publicado os resultados. unhas conclusións que, no caso do galego, recollen a preocupación polo seu devalo. 

Así, o documento recolle que o nivel de aplicación desa carta na Galiza “non mellorou significativamente desde o último ciclo de seguimento”. Aliás, aponta, os estudos sociolingüísticos mostran unha “diminución do número de falantes” e que “a transmisión de idiomas de pais a fillos xa non está garantida, polo que a proporción de alumnos con coñecemento do galego como lingua tamén caeu de xeito significativo”.

A Carta europea das linguas é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo

“A presenza do galego é insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar”, indican, ao tempo que apontan que “no ensino secundario non se imparten grandes materias científicas en galego. No ensino non universitario, a normativa actual non permite impartir máis do 50% dos cursos en galego. Aínda non hai posibilidade de ofrecer un currículo en galego en ningunha institución preescolar, primaria ou secundaria”.

Carta europea das linguas rexionais ou minorizadas é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo.

Recomendacións

Nas recomendacións do Comité de Expertos sobre como mellorar a protección e promoción do galego na Galiza, fixa tres para facer de forma “inmediata”: Eliminar as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación axeitados, modificar a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais por petición dunha das partes, e que o galego sexa lingua tamén na administración do Estado na Galiza.

A isto engade outras medidas a adoptar, como incrementar o uso do galego na prestación de servizos públicos ou facer públicos os informes de avaliación do organismo supervisor en educación.

As expertas e expertos europeos xa teñen alertado en varias ocasións sobre as deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no do ensino, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. Nesta ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que, afirmara A Mesa, manipulaba os datos e mente, co fin de obter unha avaliación positiva. "O Estado mente ao Consello de Europa manipulando os datos oficiais", advertirá a delegación da Mesa á delegación europea.

En decembro do ano pasado A Mesa informara ao Comité de expertos do Consello de Europa da vulneración de dereitos lingüísticos na Galiza. A delegación da MNL informara daquela que expuxo aos expertos e expertas europeos a situación do galego, advertindo que tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal da lingua: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas.

comentarios