mércores 25/11/20

A Xunta pon como exemplo de convivencia das linguas a ensinanza galega

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acusa ao Goberno do Estado de xerar un "conflito inexistente" a través do pacto entre PSOE, Unidas Podemos e ERC para que as autonomías decidan a súa lingua vehicular.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha comparecencia no Parlamento. (Foto: Europa Press)
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha comparecencia no Parlamento. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, manifestouse hoxe en contra do pacto apoiado polo PSOE, Unidas Podemos e ERC para que sexan as comunidades as que teñan a potestade para elixir a lingua vehicular da ensinanza en cada territorio.

A decisión auspiciada polo Ministerio de Educación implica, a xuízo do representante da Xunta, impulsar “un conflito inexistente”. Desde o seu punto de vista, o acordo non fai outra cousa que empregar os idiomas “con clarísima intencionalidade política”.

Na práctica, este pacto implicaría a supresión da lei de referencia que marca o castelán como lingua vehicular e a Galiza “non vai apoiar modelos” que vaian “en contra da convivencia” lingüística.

De feito, o responsábel de Educación pensa que se poderían usar “como escusa para o conflito social”.

“Se o Goberno pretende facelo, recomendámoslle que se fixe no modelo galego como referencia e que non cree problemas onde non existen”, subliñou.

Neste sentido, pensa que o país é unha referencia a nivel lingüístico “cun modelo bilingüe totalmente normalizado”. A este respecto, aludiu ao informe PISA para argumentar o seu discurso.

Sen confrontacións

"Non confronta, busca sempre a convivencia e aposta por relacionarnos cos demais en pé de igualdade", reflexionou.

Por iso, avisou de que a Xunta non vai secundar que o sistema actual "se vexa alterado por decisións que, sen dúbida responden a outro tipo de intereses e fomentan a intolerancia e a incomprensión entre as linguas".

Tamén a organización sindical ANPE rexeitou a modificación porque "afectaría o carácter estatal dos corpos docentes".

 

comentarios