O Partido Popular volve á carga contra o galego

O PP, a través do seu secretario xeral na Galiza, Miguel Tellado, aproveitou a proposta da reforma educativa formulada polo Goberno estatal para valorizar o español fronte ao galego no ensino.
O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, en rolda de prensa.
photo_camera O secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, en rolda de prensa.

O Partido Popular está preocupado pola saúde do castelán. O secretario xeral da formación na Galiza, Miguel Tellado, criticou que proposta de reforma educativa formulada desde o Goberno e sinalou que “reivindicamos que o castelán siga sendo lingua vehicular de todo o ensino".

"Cremos que abrir este debate contribúe a dar ás a determinados partidos nacionalistas que buscan converter a lingua nun elemento de conflito e non nunha arma de entendemento”, afirmou.

“É evidente que o que se pretende é facilitar que en determinadas comunidades se impoñan modelos educativos que apostan pola inmersión lingüista, que non é máis que a imposición lingüista”, sinalou Tellado, quen engadiu, “non podemos permitir que o Goberno nos cole pola porta de atrás unha reforma educativa que é un auténtico despropósito, profundamente partidista e ideolóxica e que restrinxe o dereito a decidir das familias”.

As declaracións de Miguel Tellado afondan na liña do expresado en días pasados polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que tamén manifestou o seu rexeitamento a unha proposta que significa o retorno ao marco legal vixente con anterioridade á Lomce, unha norma aprobada en exclusiva polo Partido Popular e coa oposición da comunidade educativa.

"Convidamos a ministra a se fixar no modelo educativo galego, cuns excelentes resultados educativos, moi por riba da media estatal", salientou Tellado, malia que todos os datos apuntan a que o coñecido como decreto do plurilingüismo provocou unha caída do uso e do coñecemento do idioma.

O Instituto Galego de Estatística evidencia que un de cada catro menores de 15 anos non sabe falar galego. Ademais, expón que na última década, a porcentaxe de menores de 15 anos que nunca fala en galego disparouse, pasando do 29,59% en 2008 ao 44,13% en 2018.

A resposta da Mesa

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira enmarcou as declaracións de Tellado como “outra mostra do odio a lingua do Partido Popular”. Maceira considerou a proposta de reforma educativa como “unha oportunidade para responder á demanda social do uso do galego” e “atender os requirimentos do Consello de Europa contra a política lingüística da Xunta da Galiza”.

“É un despropósito que se manteña unha lexislación en materia lingüística coa oposición da practica totalidade da comunidade educativa”, rematou Maceira.

Comentarios