O Parlamento Europeo "estuda as posibilidades de empregar" galego, catalán e euskera nos seus plenos

As tres linguas seguen sen ser consideradas oficiais na Unión Europea (UE).
Hemiciclo do Parlamento Europeo (Foto: Parlamento Europeo).
photo_camera Hemiciclo do Parlamento Europeo. (Foto: Parlamento Europeo)

O Parlamento Europeo está "a estudar todas as posibilidades" en torno ao uso de galego, catalán e euskera durante as sesións plenarias, indicou a presidenta da institución, Roberta Metsola, nunha entrevista con Europa Press.

Metsola confirmou que a petición, anunciada a finais de xullo polo Goberno español pero que non lle foi remitida até mediados de setembro, xa foi trasladada á Mesa do Parlamento Europeo, o órgano encargado de tomar a decisión. A dirixente comunitaria matizou que a cuestión segue pendente porque os servizos parlamentarios están a examinar "cales son as posibilidades".

Reivindicou que desde o ano 2006 "calquera cidadán español pode escribir ao Parlamento Europeo ou dirixirse a esta institución en calquera idioma oficial do Estado español" e, neses casos, a resposta cúrsase "no idioma escollido".

A presidenta do Parlamento Europeo explicou así que, aínda que a Eurocámara xa conta con procedementos claros para as comunicacións, no caso do uso de galego, catalán e euskera seguen a examinar "que facer".

Estaba previsto inicialmente que a Mesa tratase o asunto na súa reunión do pasado 3 de outubro, pero finalmente non se incluíu na axenda. A próxima reunión da Mesa terá lugar o 21 de novembro, ao comezo do próximo pleno en Estrasburgo, mais aínda non existe unha data exacta para abordar a cuestión.

Petición da Generalitat

A proposta española chegou despois de que a Generalitat de Catalunya presentase unha petición neste sentido na mesa de diálogo que os Gobernos catalán e español manteñen para abordar as relacións bilaterais.

Para que unha lingua poida ser utilizada durante o pleno da Eurocámara debe ser considerada oficial na UE. Un status que actualmente teñen concedido 24 idiomas, entre os que non se atopan galego, catalán e euskera. Un precedente similar é o do gaélico, que desde 2007 empezou a ser considerado lingua oficial e de traballo na Unión Europea, aínda que a adhesión de Irlanda tivese lugar en 1973.

O Goberno español xa pedira que estas linguas fosen recoñecidas como oficiais na UE en decembro de 2004, aínda que entón non chegou a solicitar o cambio necesario nos Tratados, polo que non adquiriron tal consideración.

Comentarios