A Mesa denuncia en Frankfurt o "lado escuro" da realidade de galego, catalán e euskera no Estado español

Marcos Maceira lembrou o incumprimento sistemático da “escasa lexislación” que ampara o galego.
Marcos Maceira no 'Beyond Spain'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marcos Maceira no 'Beyond Spain'. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, participou este sexta feira, xunto con Fito Rodríguez e María de Lluc Muñoz, no evento cultural Beyond Spain, que decorreu en Frankfurt como resposta a que o Estado español sexa o convidado de honra na Feira Internacional do Libro que está a ter lugar na mesma cidade.

Segundo explicou a Mesa, trátase dunha iniciativa internacional que ten por obxectivo “ofrecer un espazo para a creación cultural e literaria, para as linguas e os dereitos lingüísticos e para as ideas democráticas”.

Na súa intervención, Maceira sinalou que “a creatividade vibrante anunciada para a Feira do Libro ten un lado escuro”. “Mantén a consideración das linguas e das culturas galega, vasca e catalá como inferiores”, denunciou.

No caso galego, o presidente da Mesa lembrou o incumprimento sistemático da “escasa lexislación” que ampara o galego, desde o Estatuto até a Carta Europea da Linguas, por parte da Xunta e do Estado español, “a pesar das reclamacións da sociedade galega e mesmo do Comité de Ministros e Ministras do Consello de Europa”.

O galego, en retroceso

“O galego está presente en menos de 1% das sentenzas xudiciais, en menos de 1% dos seguros, en menos de 0,4% dos xoguetes”, lamentou Maceira.

Tamén asegurou que “non é posíbel facer trámites coa administración do Estado español (Facenda, Seguridade social ou SEPE, entre outras) e temos unha oferta audiovisual anecdótica”, ao que se lle engaden “as restricións ao noso idioma no ensino”.

“Con esta realidade”, finalizou Maceira, “non pode sorprender que o galego retroceda no seu uso. Sorprende, pola contra, que a pesar disto continúe a existir e que aínda existan moitas persoas dispostas a actuaren para repolo e normalizar o seu uso”.

Comentarios