Análise

Lingua, profesión e constitución

Estes artigos de opinión son froito da correspondencia que Miguel Losada Campa, membro do Instituto de RRPP de Irlanda e avogado, e Xabier Prado Orbán, profesor xubilado manteñen dende que se coñeceron en 2015 no marco dun proxecto Erasmus+ entre  Irlanda e a Galiza promovido pola Fundación Antón Losada Diéguez.

*Máis información: sites.google.com/view/IrGal

España optou polo "esquecemento cultural" da súa maior forza: un país con catro idiomas internacionalmente recoñecidos. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera España optou polo "esquecemento cultural" da súa maior forza: un país con catro idiomas internacionalmente recoñecidos. (Ilustración: Álex Rozados)

"Atopar un idioma é atopar un tesouro"

O artigo 3 da Constitución Española dedica dous apartados a falar das linguas recoñecidas polo Estado. O primeiro nomea o castelán como lingua oficial do Estado, e no segundo indícase que todas as demais linguas españolas (sen nomealas) serán oficiais nas respectivas CCAA de acordo cos seus Estatutos.
Desde o "momento constituínte" ata a aprobación da Constitución de 1978 España tivo dúas opcións para a súa organización territorial: 

• Un Estado descentralizado co municipio como célula administrativa central, a máis próxima ao cidadán. Sería o máis racional nun país coa extensión xeográfica de España e con tan só tres estatutos de autonomía para Galiza, Euskadi e Cataluña. Os estatutos estarían xustificados pola existencia dun idioma, dereito e institucións propias e non por conceptos como "soberanía", "territorio" ou unha lista de competencias transferidas que administrar.

• Un Estado descentralizado con 17 autonomías deseñadas arbitrariamente cuns estatutos xustificados pola transferencia de competencias administrativas do Estado aos gobernos autonómicos dotados dun orzamento "que pelexar" con Madrid e resto de CCAA lexislatura tras lexislatura. Unha dinámica negociadora-impositiva que a longo prazo xerou a actual existencia de 17 presións fiscais completamente diversas en todo o territorio, unha cidadanía española cuns dereitos e deberes 100% diferentes por razón de orixe xeográfica e, polo tanto, uns cidadáns españois máis distintos entre si.

Finalmente e, sobre todo, os 17 niveis administrativos na procura do incremento do seu orzamento cada catro anos, orixinou o nacemento dunha clase política, que non electorado pasivo (candidatas/os), autorizada polo electorado activo (votantes), para a negociación do orzamento autonómico co único fin do seu incremento en comparación co resto de CCAA. A corrupción, o amiguismo e a pelexa cainita pola inclusión do electorado pasivo nas listas electorais converteuno nunha clase política dotada do dereito a ter acceso a "información privilexiada" coa que se libra a batalla cuatrianual polo incremento do orzamento da súa respectiva Comunidade Autónoma.

É dicir, España optou polo "esquecemento cultural" da súa maior forza: un país con catro idiomas internacionalmente recoñecidos, agora equiparados na Constitución e Estatutos de Autonomía aos dialectos rexionais.

Cómpre lembrar que un idioma son cartos, moitos cartos. Un idioma son as universidades, escolas, institutos e academias de idiomas, o corpo de profesores subseguinte, as oposicións para a cobertura de prazas, o alumnado que paga as matrículas, os impostos e taxas que iso implica, os libros de texto, os servizos, alugueres e transportes aparellados… É dicir, os postos de traballo e a riqueza xerada polo proceso de aprender un idioma e, finalmente, as profesións e actividades económicas, públicas e privadas, daquelas persoas que foron educadas nun idioma e que traballan nese idioma.

Dende unha perspectiva estritamente económica, "España pegouse un tiro no pé" optando por unha división territorial baseada na transferencia de competencias administrativas e a loita polo seu financiamento "en comparación coa do veciño" como único punto da dialéctica política sometida ao referendo da cidadanía cada catro anos.

Discriminación e privilexio

O Artigo 3.2 da Constitución española, emenda n.º 128 do Sr. Cela ao borrador constitucional, detivo o proceso de redacción da mesma polas súas enormes implicacións a todos os niveis, tal e como aquí falamos. Dende unha óptica económica foi o peor plan posible. Dende unha óptica dos Dereitos Humanos recoñecidos polos tratados internacionais vixentes na materia, supón unha discriminación expresa que privilexia a lingua castelá declarándoa "común" e equipara no seu apartado 2 os idiomas galego, catalá e éuscara aos dialectos rexionais.

Dese xeito desarmouse a posibilidade dunha economía enormemente forte con catro idiomas estatais e os seus efectos no peto, homoxeneidade de dereitos e obrigas e educación da cidadanía española a longo prazo. Plasmouse así o plan dunha clase política allea aos conceptos de electorado pasivo, riqueza cultural e diversidade económica, unha clase política necesitada dun escenario competencial-autonómico para perpetuar o seu propio sostemento.

"As minas de ouro e platino adoitan ser xacementos pequenos nunha pequena cova. Os idiomas tamén. E que ricos son aqueles que os atopan!".

Comentarios