A lingua galega chega oficialmente ao Congreso: Néstor Rego será o primeiro en usala

Na sesión plenaria desta terza feira na Cámara baixa o parlamentario do BNG falará en galego por primeira vez na historia sen ser interrompido pola Presidencia do Congreso. Rego, igual que os deputados e deputadas de ERC e Junts, empregará sempre a lingua propia do seu país, mentres PNV e EH Bildu avogan por compaxinar euskera e castelán. Algúns deputados do PSOE, como José Ramón Gómez Besteiro por parte da Galiza, anunciaron que tamén botarán man das linguas cooficiais, e o mesmo acontecerá con Sumar.
Intervención do nacionalista Néstor Rego desde a tribuna do Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Intervención do nacionalista Néstor Rego desde a tribuna do Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O deputado e portavoz do BNG, Néstor Rego, será o primeiro en empregar o galego no Congreso esta terza feira de forma íntegra, sen ser interrompido pola Presidencia do Congreso, ao ser admitido oficialmente a partir de agora canda o euskera e o catalán. "É un paso simbólico pero necesario e importante para a normalización do uso do galego e o recoñecemento do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado español", manifestou o parlamentario elixido pola circunscrición da Coruña.

Desde a formación nacionalista lembran que xa os anteriores deputados do BNG no Congreso —como Francisco Rodríguez, Francisco Jorquera, Olaia Fernández Davila ou Rosana Pérez— xa defenderan iniciativas neste sentido. "Case 20 anos despois desta reivindicación do deputado Francisco Rodríguez, dáse un paso que, a pesar de ser simbólico, é un paso máis na normalización", sinala Rego, ao tempo que critica a postura belixerante do PP.

Tanto o Bloque como Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Junts teñen previesto utilizar o catalán e o galego respectivamente en todas as súas intervencións no Congreso, mentres que o PNV e EH Bildu compaxinarán o euskera co castelán nos seus discursos. As tres linguas escoitaranse no primeiro pleno da Cámara tras a sesión constitutiva, convocado precisamente para tramitar a reforma do Regulamento que permitirá o uso destas linguas. Este cambio non será oficial até a súa aprobación a vindeira quinta feira, pero o PSOE e Sumar fixeron valer a súa maioría na Mesa do Congreso para permitir que nese debate poidan usarse xa os idiomas cooficiais no Estado.

Esta terza feira líder de ERC, Oriol Junqueras, acudirá á entrada do Congreso para atender os medios de comunicación ante o fito que para o nacionalismo e o independentismo supón que o Congreso dea un paso na normalización do uso das linguas cooficiais. Con todo, o ex portavoz de ERC no Congreso Joan Tardà recomendou o pasado sábado aos seus compañeiros que cando interveñan na Cámara baixa usen a lingua que lles resulte "máis funcional", xa sexa o catalán ou o castelán. Ao seu xuízo, o importante é "conquistar a normalidade" no uso das linguas e que cada un poida expresarse na que "lle pareza mellor".

Tamén se expresarán en catalán os deputados de Junts, coa portavoz, Miriam Nogueras, á cabeza. Porén, tanto os deputados do PNV como os de EH Bildu usarán o euskera cando interveñan no Congreso mais, no seu caso, ambos os partidos compaxinarano co castelán, como xa fan no Parlamento vasco.

"Hai posibilidade de usalo e farémolo nesta e outras ocasións, acomodándoo ao momento e as circunstancias", sinalou o portavoz parlamentario do PNV, Aitor Esteban, en rolda de prensa no Congreso. E fontes de Bildu apuntaron en declaracións á axencia Europa Press que os seus parlamentarios tamén utilizarán na Cámara baixa os mesmos criterios bilingües que no resto de institucións autonómicas e nos seus mitins.

Elección aberta en PSOE e Sumar

Non é descartábel que os deputados do PSOE e Sumar que saiban catalán, euskera ou galego avoguen por usalos para intervir no Congreso. De feito, este extremo xa foi confirmado polo PSdeG, que celebrou que o deputado José Ramón Gómez Besteiro intervirá en galego esta terza feira.

No caso de Sumar, grupo que integran sete partidos, hai formacións como En Comú, Compromís, Més ou Chunta Aragonesista (CHA) que é máis que previsíbel que si o fagan. En concreto, o parlamentario da CHA, Jorge Pueyo, xa avanzou que utilizará o aragonés, segundo interéselle, como, dixo, facía Pedro IV. No seu caso, deberá traducir el mesmo as súas palabras. O mesmo terá que facer o deputado aranés do PSC, Amador Marqués Atés, se decide utilizar esa lingua.

PP e Vox, en castelán

O que se dá por seguro é que non usarán ningunha das linguas oficiais distintas ao castelán os deputados do PP e Vox, cuxos partidos anunciaron senllas emendas de totalidade á reforma do Regulamento. No caso do PP, o seu portavoz, Borja Sémper, dixo esta segunda feira que os 'populares' non farán "o canelo" empregando galego, catalán ou euskera. "Entendemos que temos unha lingua común para comunicarnos", sinalou tamén a semana pasada o portavoz de Vox no Congreso, Pepe Millán.

Comentarios