A Mesa convoca concentracións a quinta feira polo "desprezo de RTVE ao galego" tras o acontecido coas Tanxugueiras

A entidade en defensa da lingua anuncia mobilizacións e censura a falta de compromiso co galego da dirección estatal de TVE, destacando o bo exemplo da "dirección galega e do persoal de RTVE na Galiza".
A proposta de Tanxugueiras foi a mellor valorada polo público do festival (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).
photo_camera A proposta de Tanxugueiras foi a mellor valorada polo público do festival (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).

Baixo o lema “Aldraxe Fest”, a Mesa pola Normalización Lingüística convoca mobilizacións a quinta feira para denunciar o “desprezo” de Radio Televisión Española cara ao galego, despois da “presunta manipulación” do Festival de Benidorm que prexudicou o grupo galego Tanxugueiras, que quedou fóra de Eurovisión por decisión do xurado profesional do certame e en contra das votacións do público.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, reivindicou que “queremos galego na televisión que pagamos”, anunciando as concentracións que decorrerán as 20 horas da quinta feira en seis cidades galegas.

En Compostela a actividade desenvolverase na praza do Toural, na Coruña no Obelisco, en Ourense no parque de San Lázaro, en Pontevedra  na praza da Peregrina, en Vigo no Museo Marco e en Lugo na praza Maior.

A Mesa afirma que a presunta manipulación do Benidorm Fest que denuncian a maior parte dos medios de comunicación do Estado e que deu como resultado a polémica derrota do grupo galego Tanxugueiras non é un caso illado na política lingüística e cultural de RTVE, senón unha mostra máis do "desprezo" que amosa o ente público polo galego.

O galego en cifras en RTVE

"Hai 31 anos que RTVE fechou a súa emisora de radio en galego", recorda o presidente da Mesa, "e só emite en galego 39 minutos dun total de 120 horas, o que supón o 0,5% dos seus contidos diarios e o 0% dos contidos infantís e xuvenís".

"E aínda recentemente se permitiron emitir tentativas de parodias co galego", denuncia, "pagadas co noso diñeiro". "Galiza e o galego non existen para RTVE", abunda Maceira, "de aí a reacción ao éxito dunha música e dun grupo capaz de chegar a todo o público sen apoio e mesmo contra o criterio excluínte da cadea pública".

Esta actitude contrasta coa dirección galega e co persoal de RTVE en Galiza, cuxo compromiso coa lingua galega está fóra de toda dúbida

O presidente da Mesa afirma que xa se dirixiu á dirección estatal de TVE até en tres ocasións solicitando unha entrevista coa dirección para lle presentar a reivindicación de máis horas en galego e presenza dobrada e lexendada en toda a programación, sen obter resposta ningunha.

Segundo lembra A Mesa nun comunicado, mesmo, a pesar dun acordo unánime do Parlamento galego relativo ao galego en RTVE, a canle non só non mudou de actitude senón que a intensificou, como demostra o acontecido en Benidorm.

"Esta actitude contrasta coa dirección galega e co persoal de RTVE na Galiza", recoñece Maceira, "cuxo compromiso coa lingua galega está fóra de toda dúbida". "Queremos galego na televisión que pagamos", conclúe o presidente da Mesa.

Comentarios