Análise

TVE despreza as linguas do Estado comparándoas cun "idioma inventado"

A sombra do amaño pairou sobre unha semifinal na que o criterio do xurado “especializado” se situou a unha distancia sideral do voto do público.
As Tanxugueiras, nun momento da súa actuación na primeira semifinal do Festival de Benidorm, cando quedaron ás portas da vitoria. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera As Tanxugueiras, nun momento da súa actuación na primeira semifinal do Festival de Benidorm (Foto: Rocío Cibes).

Os marcos mentais asoman axiña. Xusto antes de dar paso á actuación de Tanxugueiras na semifinal do Festival de Benidorm, os presentadores fixeron referencia a que Bélxica enviara a Eurovisión cancións en “idiomas inventados”. O marco mental asomou por debaixo do micro, e ese marco mental puña a mesma altura os idiomas inventados e o galego. Dá igual que lembremos que entre eses presentadores estaba un antigo -e fugaz- ministro de Cultura: en realidade, todas esas “alegres e frescas” presentacións están perfectamente guionizadas, por moito que os que dirixen a gala intenten -con escaso éxito, a verdade- simular que están improvisando.

A sombra do amaño pairou sobre unha semifinal na que o criterio do xurado “especializado” se situou a unha distancia sideral do voto do público. Malia obteren a puntuación máis alta no voto popular -recollido a través de chamadas telefónicas e de SMS- e a segunda maior no voto demoscópico -tomado con base nunha enquisa realizada previamente- o voto do xurado “especializado” relegou as Tanxugueiras á quinta posición. A decisión provocou os apupos do público presente na gala, feito que aproveitou o antigo ministro de Cultura para facer unha apoloxía dos dereitos de propiedade intelectual: "Se nos gusta a música o que temos que facer é apoiar o noso grupo, ir aos seus concertos e comprar os seus discos". Antes non se lle ocorrera defender os dereitos das linguas do Estado. En realidade, que haxa diverxencia entre o criterio do xurado e o do público non é unha novidade.

En 2017, o xurado decidiu que a mellor proposta para Eurovisión era Manel Navarro, malia que a maioría dos eurofans eran partidarios da cantante Mireia. Navarro rematou facéndose célebre por desafinar manifestamente e quedar na última posición do certame.

Mesmo a posibilidade dun amaño tampouco resulta novidoso: os rumores sobre a compra de votos e as interferencias da industria discográfica salpicaron en máis dunha ocasión este concurso.  O que está en disputa é a causa dese amaño. Todo resultaría moito máis fácil se nos explicasen que existen intereses económicos ocultos que impoñen unha determinada candidatura.

Sería un negocio sucio, pero estamos afeitos ás corruptelas. Mais está esa cuestión dos marcos mentais que asomaron na gala. Uns marcos mentais que indican que os guionistas que escribiron o libreto e os presentadores que aceptaron reproducir un diálogo lamentábel pretendían, talvez, trasladar unha idea ao público. Pretendían, quizais, instalar ese marco mental no que calquera lingua distinta daquela que supostamente “nos une” sexa irremediabelmente asociada cunha invención. E iso non deixa de ser un insultante desprezo. 

Unha realización que prexudicou o resultado final

Ademais das queixas pola decisión do xurado, moitas das críticas dos afeccionados ao certame eurovisivo dirixíronse á realización de TVE durante a actuación das Tanxugueiras. A realización de cada unha das actuacións, en principio, páctase con cada un dos equipos das diferentes candidaturas. Non obstante, a última palabra sempre a teñen os realizadores de TVE, que deciden durante o directo que plano se mostra en pantalla.

Durante a actuación das Tanxugueiras, moitos dos pormenores do espectáculo permaneceron ocultos aos espectadores que seguiron a gala a través da televisión. Por exemplo, a letra de "Terra" , coa que participaron no certame, repite a frase "non hai fronteiras" nas diferentes linguas do Estado, mais durante a actuación tamén se mostraba en lingua de signos, un detalle que quedou fóra das cámaras.

As imaxes de fondo, que pretendían render homenaxe ás mulleres do rural, tampouco se puideron ver durante a retransmisión da gala, privando a audiencia dun elemento fundamental do espectáculo. O son tampouco foi un dos acertos da televisión pública: ademais de ter unha calidade bastante máis cativa que o de outras actuacións da mesma gala, non permitiu escoitar o aturuxo da peza e mantivo a música nun segundo plano que empobrecía a escoita.

A disparidade entre o directo e a realización afectou o espectáculo

Jasper, colaborador do Sermos Galiza, cre que "a realización non se corresponde coa actuación que se puido ver en directo, e honestamente creo que prexudicou ao que viron as audiencias de televisión". 

Detalles moi pensados para o espectáculo como a maquillaxe das cantantes apenas puideron apreciarse. "É incomprensíbel que non houbese primeiros planos nunha actuación de case cinco minutos", declara o vocalista de Nao. "Mais tampouco houbo seguimento do baile das cantantes, do momento en que Olaia se separa do trío e sobe ao alto do escenario... As cámaras parecían querer seguir os bailaríns aínda que fose mostrándoos nos momentos en que se cruzaban con elas, dando unha impresión falsa sobre unha coreografía que levaban moi estudada". Erros de planificación e realización que, porén, non foron apreciados noutras actuacións da mesma gala.

Comentarios