Contra ‘La Lama’ ou ‘Ramiranes’, unha campaña pide a restauración da toponimia galega en navegadores e aplicacións de mapas

A iniciativa xa sumou máis de 2.000 sinaturas.
mapa deturpado

Que aparezan ‘La Coruña’, ‘Sangenjo’, ‘Vivero’ ou ‘Ramiranes’ nos navegadores e aplicacións de mapa é algo que segue a pesar, sen respectar a toponimia oficial da Galiza. Unha campaña na rede está agora a reclamar de todas as compañías fornecedoras de servizos de xeolocalización e navegación que sinalicen os lugares unicamente coas formas galegas, “lexítimas e oficiais tal e como sinala a lei 15/1983 e que baseándose na mesma lei empreguen como base de datos fiábel e válida a incluída no nomenclator oficial de Galiza”.

Até o de agora, a iniciativa sumou case 2.400 apoios e xa vai camiño dos 3.000. A campaña tamén demanda “ao conxunto de poderes públicos que actúen decididamente diante destas empresas para que corrixan e resti-túan todas as denominacións deturpadas”.

A través da web da Mesa pola Normalización Lingüística pódese saber máis desta iniciativa. “Deturpar, modificar, eliminar estes topónimos é tamén deturpar, modificar e eliminar a lingua e a cultura do pobo que lles deu nome”, afirman.

Lembran que a toponimia é unha pegada lingüística dun pobo sobre o territorio no que historicamente se desenvolveu. É unha evidencia da súa existencia e fonte de coñecemento desa lingua e cultura.

“O pobo galego mantivo vivas na súa propia lingua as formas de designar os espazos do seu territorio a pesar das sucesivas vagas que desde hai séculos procuran a súa desaparición. Algunha destas vagas é recente, mesmo estando en vigor a Lei de Normalización Lingüística que sinala que a única forma oficial dos topónimos é a galega”, recóllese no texto da campaña.

 “Aínda hoxe podemos ver autoridades do Estado que supostamente deben garantir o respecto pola lei, participaren en actos onde se deforman topónimos como Ourense, A Toxa ou Sanxenxo, ou Gobernos autonómicos a aproveitaren a situación para mudaren o nome da ría de Ribadeo”.

“Vaga castelanizadora”

O elemento con máis incidencia na última vaga castelanizadora é a que emprega as aplicacións de navegación e xeolocalización, advirten os responsábeis desta iniciativa.” Os casos máis coñecidos son os de Google Maps ou Apple Maps”. 

A deturpación dos nomes de lugar, alertan, reprodúcese a través de outras aplicacións, redes sociais ou páxinas web, introducindo ao tempo novas deturpacións en nomes de lugar que até o de agora non se viran afectadas polas ondas anteriores. “Chega a extremos de envíos postais ou de mensaxaría que non se reciben no seu destino por o nome oficial e de uso común non coincidir coa forma deturpada que só existe nos mapas das aplicacións, mais que por influencia destas aplicacións acaba por comezar a se estender”. 

Comentarios