A Xunta emprega o topónimo deturpado "Cueros" para promocionar un taller de emprego en Coirós

Non é a primeira vez que o Executivo galego incumpre a normativa lingüística no uso de topónimos.
Coirós é o topónimo oficial do concello. (Foto: DXT)
photo_camera Coirós é o topónimo oficial do concello. (Foto: DXT)

Nas últimas horas, varias persoas criticaron a deturpación do topónimo Coirós nunha publicación do Goberno galego no Diario Oficial da Galiza (DOG).

En concreto, este caso deuse na publicación na que se informa da inauguración do taller de emprego de Oza-Cesuras, Coirós e Medías. No DOG podía lerse o topónimo "Cueros" no canto do oficial e normativo Coirós.

A pesar de que a Xunta xa corrixiu o erro ante as críticas recibidas por parte da veciñanza, esta deturpación demostra, unha vez máis, o desleixo cara á toponimia oficial na Galiza, incumprindo a lexislación  no referido á normalización lingüística. Así a Lei 3/1983, de 15 de xuño, que fixa o uso do galego en diferentes ámbitos, estabelece que os topónimos do país terán como única forma oficial a galega.

Non é a primeira vez que a Xunta é criticada por deturpar a toponimia galega. O pasado mes de agosto, o programa 'Muller Dixital', impulsado pola Consellaría de Emprego e Igualdade para a "formación para mulleres en habilidades dixitais", foi duramente criticado por varias usuarias que, ao querer inscribirse, descubriron que deturpaba varios topónimos.

En concreto, na pantalla deseñada para pedir máis información, á hora de abrir o despregábel para escoller a nosa comarca, pode lerse "Finisterre" no canto de Fisterra; "Noya" no canto de Noia; e "Mellid" no canto de Melide, entre outros topónimos deturpados.

Deturpación da Toxa

Esta mesma semana, a Mesa pola Normalización Lingüística mobilizouse na illa da Toxa “para reivindicar o único nome válido e oficial desta illa”, asegurou o presidente da entidade Marcos Maceira.

Estas protestas leváronse a cabo no marco da celebración do ‘Foro La Toja’, no que participan altos representantes políticos e económicos, e “destina diñeiro público”; unha situación que Maceira describe como “despropósito”.

Por todo isto, desde a Mesa sostene que “a toponimia é unha evidencia de que existimos, por iso hai tanto interese en eliminala”.

Comentarios