"Noya", "Jallas", "Mellid"... A Xunta deturpa topónimos galegos en cursos de formación dixital

O programa conta con financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea (UE).
Páxina de 'Muller Dixital' na que se ven algúns dos topónimos deturpados. (Foto: Europa Press)
photo_camera Páxina de 'Muller Dixital' na que se ven algúns dos topónimos deturpados. (Foto: Europa Press)

O programa 'Muller Dixital', impulsado pola Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta da Galiza para a "formación para mulleres en habilidades dixitais", foi duramente criticado por varias usuarias que, ao querer inscribirse, descubriron que deturpaba varios topónimos.

En concreto, na pantalla deseñada para pedir máis información, á hora de abrir o despregábel para escoller a nosa comarca, pode lerse "Finisterre" no canto de Fisterra; "Noya" no canto de Noia; e "Mellid" no canto de Melide, entre outros topónimos deturpados.

Unha das usuarias que descubriu esta deturpación dos topónimos asegurou a Nós Diario que "só falta Sangenjo", para exemplificar o desleixo á toponimía galega nunha plataforma promovida por unha institución pública como o Goberno galego.

Desta forma, o programa incumpre a lexislación galega no referido á normalización lingüística, xa que a Lei 3/1983, de 15 de xuño, que fixe o uso do galego en diferentes ámbitos, estabelece que os topónimos da Galiza terán como única forma oficial a galega.

Financiado pola UE

Segundo recolle a propia páxina web de 'Muller Dixital', o programa foi financiado pola Unión Europea (UE) a través da liña dos fondos Next Generation impulsada por Bruxelas con motivo da pandemia.

Aliás, O Goberno español tamén fai parte deste proxecto a través do Ministerio de Educación e Formación Profesional, e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Executivo estatal, destinado a promover reformas e investimentos para "construír un futuro máis sostíbel".

Non é a primeira vez que a Xunta é acusada de deturpar directa ou indirectamente topónimos galegos. En febreiro deste ano, BNG e PSdeG denunciaron que o Goberno galego, a través da publicidade do Xacobeo, financiou un programa decorrido do locutor e opinador de dereitas Federico Jiménez Losantos decorrido en Sanxenxo, publicitado como "Sangenjo".

O Executivo de Alberto Núñez Feixoo antes e o de Alfonso Rueda agora non só prioriza a publicidade institucional en medios de comunicación en castelán, en detrimento dos que empregan o galego como lingua vehicular, senón que inviste diñeiro público naqueles que deturpan os topónimos de maneira habitual.

Comentarios