A Mesa impulsa un manifesto para exixir a fin da deturpación do topónimo A Toxa no foro económico

A asociación concentrarase na illa o vindeiro 29 de setembro.
Concentración en defensa da lingua na illa da Toxa decorrida o pasado ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración en defensa da lingua na illa da Toxa (Foto: A Mesa).

A Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL) vén de publicar o manifesto A Toxa polo seu nome. Por respecto. Por memoria. Por lei na súa páxina web para exixir a fin da deturpación do topónimo A Toxa no cumio económico que decorrerá na illa, pertencente ao concello do Grove, entre o 29 de setembro e o 1 de outubro.

Neste sentido, o colectivo na defensa do galego subliña que “o uso público e reiterado das formas toponímicas deturpadas non só é demostrativa do interese por eliminar calquera vestixio e mostra da presenza social da lingua propia de Galiza, mesmo sendo unha lingua viva e de amplo uso, senón tamén da impunidade coa se actúa para contravir o indicado na lexislación a este respecto”.

“Alén da presenza de cargos públicos internacionais, estatais e galegos, este Foro conta cunha importante achega de diñeiro público, o que habería de obrigar a manter un maior nivel de exixencia e respecto pola lingua e cultura do lugar onde se vai desenvolver e garantir o cumprimento escrupuloso da lexislación”, asegura A Mesa no seu manifesto.

A asociación lembra no manifesto que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística recolle no artigo 10 que “os topónimos da Galiza terán como única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”.

Concentración na ponte da Toxa

Ademais da redacción deste manifesto, A Mesa pola Normalización Lingüística convocou unha concentración, para o 29 de setembro, día de inicio do Foro, na ponte da Toxa.

“Solicitámoslle a todos os cargos públicos participantes deste foro que poñan esta deturpación en coñecemento da organización do evento instándoos a o modificaren e empregaren a única forma lexítima e oficial do topónimo, rexeitando calquera presenza no foro encanto non garantiren o cumprimento da lexislación que ampara o uso da lingua galega”, conclúe o manifesto.

Non é a primeira vez que A Mesa se manifesta na Illa da Toxa para protestar contra a deturpación do seu topónimo. O 20 de setembro do ano pasado xa tivo lugar unha concentración, na que Axentes da Garda Civil empurraron e bateron os participantes. Algúns, como o presidente da Mesa, Marcos Maceira, acabaron polo chan. A Garda Civil impediu que a concentración discorrese na ponte, e participantes na mobilización criticaron a “actitude” dos axentes.

“Non aceptaron nin dialogar e actuaron con moi malas maneiras, con empurróns contra Marcos Maceira ou a deputada Montse Prado, que simplemente querían falar”, indicaban aquel día varios participantes. "Mesmo Marcos caeu ao chan".

Comentarios