Os informes sobre o uso do galego na UE tardarán "dous ou tres meses"

Os 27 estados membro exixen coñecer o custo de implantar nas institucións comunitarias as novas linguas antes de tomar unha decisión.
O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, nunha rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, nunha rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro de Asuntos Exteriores en funcións, José Manuel Albares, augurou esta cuarta feira "dous ou tres meses" para evacuar os informes que os 27 estados membro da UE piden para oficializar o galego, o catalán e o euskera  nas institucións europeas. "O tempo europeo é distinto do tempo nacional", defendeu, nunha entrevista en TV3, logo de que países como Letonia e Lituania mostrasen as súas reticencias.

"Non ten sentido", dixo, "levar a votación un asunto cando aínda non se evacuaron os informes". Albares desbotou unha posíbel aprobación na próxima sesión do Consello de Asuntos Xerais, o 15 de novembro. "Normalmente eses informes tardan algúns meses", sinalou, dando ese prazo non inferior a tres.

O Goberno español solicitou á Comisión Europea a elaboración dun informe sobre o impacto material e orzamentario que tería a inclusión das tres linguas, malia que o ministro xa deixou claro que "España está disposta" a asumir a factura no caso de prosperar a súa solicitude. As súas estimacións preliminares, avanzou, son "asumíbeis".
José Manuel Albares reiterou tamén a predisposición do seu Goberno e prometeu que, se del dependese, "xa estaría aprobado".

"Non é presentar unha proposta, que podería facer esta mesma mañá. É presentar unha proposta adaptada que consiga o consenso dos 27", subliñou, tendo en conta que para que prospere precísase unanimidade. Preguntado tamén polas críticas do seu homólogo de Letonia, Krisjanis Karins, que afirmou que non é algo "prioritario" nestes momentos, o ministro español asegurou que está en permanente contacto con el e confiou en que acabe cedendo.

Comentarios