"Sen vetos" mais tamén sen "sis": o galego terá que agardar pola súa oficialidade na UE

Os Vinte e sete adían a novembro a decisión sobre a oficialidade.
Reunión do Consello europeo, con presenza dos ministros de Exteriores dos Estados membros da UE. (Foto: Europa.eu)
photo_camera Reunión desta terza feira do Consello europeo, con presenza dos ministros de Exteriores dos Estados membros da UE. (Foto: Europa.eu)

A oficialidade do galego, euskera e catalán na Unión Europea terá que agardar. Na reunión desta terza feira, o Consello de Asuntos Xerais da UE non tomou unha decisión ao respecto, emprazándose a unha vindeira xuntanza que decorrerá en novembro e para a que aínda hai que determinar data. Mais a cita desta terza do Consello si que permitiu que a petición do Estado español para que estas linguas sexan oficiais na UE siga adiante "sen vetos", segundo expresou o ministro de Asuntos Exteriores español, José Manuel Albares ao remate da xuntanza. "Na sala non houbo ningunha oposición e varios países apoiaron explicitamente a solicitude", dixo, mais sen detallar cales.

Fontes citadas por Europa Press aseguraron que os ministros de Asuntos Exteriores de Letonia e Lituania rexeitaron a solicitude do Estado español. Varios Gobernos membros da UE aseguraron que o Executivo español “apurou demasiado” e “non resolveu todas as dúbidas” sobre como quere que sexa o proceso de oficialización do galego, catalán e euskera.

Segundo Albares, con todo, non houbo un veto oficial e a proposta para a oficialidade seguirá adiante. O máis importante esta terza feira, sinalaron varias fontes, foi evitar vetos explícitos do resto de Estados que puidesen rachar a negociación, e así se conseguiu, dixo o ministro. 

Sen efecto dominó

Na reunión, o ministro tratou de disipar as reticencias de socios comunitarios expresadas na primeira reunión para tratar a oficialidade, que decorreu en setembro pasado. Para iso, o representante do Estado español Albares esgrimiu dous argumentos. O primeiro, insistir en que economicamente, o Estado español garante que o pagará todo. Para coñecer o custo exacto, o Estado está á espera dos informes da Comisión Europea. 

O outro argumento foi para intentar convencer o resto de Estados de que non haberá un 'efecto dominó'. Que o paso da oficialidade para o galego, o euskera e o catalán non poida ser argumentado como precedente por outros idiomas para reclamar tamén ese status. "A reforma limítase só a España e outras linguas non poderán participar nesta reforma", afirmou o ministro. Albares indicou que o galego, o euskera e o catalán poden ser utilizados no Congreso e no Senado e teñen carácter oficial naqueles territorios nos que é propio. Todo isto, afirmou, distíngueos doutros idiomas minorizados existentes no continente. A pelota, pois, segue en xogo e haberá que agardar a unha nova reunión do Consello en novembro. 

Silencio da Xunta

Na Galiza, e até o de agora, o interese ou implicación do Goberno galego sobre a oficialidade da lingua propia do país na UE é nulo. O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evitaba o pasado mes de setembro dar o seu apoio á oficialidade do galego na Unión Europea. "Fálase disto para non falar doutras cousas", respondía a preguntas de Nós Diario.

Ao tempo, desde a Rede europea para a igualdade das linguas (ELEN), ínstase as institucións comunitarias a recoñeceren "a natureza plurilingüe de Europa" aceptando, como primeiro paso, galego, catalán e euskera.

A Mesa: "A sociedade galega debe pular pola oficialidade"

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, incide en conversa con este xornal na importancia de que o galego sexa oficial na UE. "Tería efectos sobre o noso día a día", destaca. Así, indica que a lexislación en materia lingüística europea pasaría contemplar o galego como un idioma máis da UE —como o alemán, o francés ou o español— co que se gañarían dereitos para a lingua propia da Galiza.

Indica tamén Maceira que "se o Estado español tivese feito os deberes, teriamos avanzado máis rápido: a lexislación interna española non reflicte a pluralidade lingüística do Estado, o que fai difícil convencer os de fóra de que asuman algo que ti non cumpres dentro". Por último, o presidente da Mesa chama a sociedade galega "a pular porque a UE garanta os seus dereitos lingüísticos".

Comentarios