O Goberno español pide que galego, euskera e catalán reciban o mesmo trato e status que o resto de linguas da UE

Esta é a proposta remitida por Moncloa para debater o vindeiro 19 de setembro na reunión do Consello da UE.
Bandeiras da UE fronte á sede da Comisión Europea, en Bruxelas. (Foto: Vincent Isore / Contacto / Europa Press)
photo_camera Bandeiras da UE fronte á sede da Comisión Europea, en Bruxelas. (Foto: Vincent Isore / Contacto / Europa Press)

O Consello da Unión Europea vén de publicar a documentación e a orde do día da reunión do vindeiro 19 de setembro, na que o Goberno español pedirá oficialmente a modificación do regulamento 1/1958, que fixa o réxime lingüístico da UE, para que o catalán, o euskera e o galego obteñan o status de linguas oficiais. Cómpre salientar que das 1.128 iniciativas que se puxeron sobre a mesa do Consello da UE desde 2013, ningunha foi rexeitada e todas recibiron o 'si'.

Na documentación presentada, o Executivo de Pedro Sánchez detalla que os Tratados da Unión Europea, de acordo co ordenamento actual, deben ser traducidos en catalán, euskera e galego. Máis adiante, no artigo 1 do Regulamento 1/1958, no que constan todas as linguas oficiais, tamén propón unha emenda para que aparezan as novas.

"As linguas oficiais e as linguas de traballo das institucións da Unión serán o alemán, o búlgaro, o castelán, o catalán, o checo, o danés, o eslovaco, o esloveno, o estoniano, o euskera, o finlandés, o francés, galego, o grego, o húngaro, o inglés, o irlandés, o italiano, o letón, o lituano, o maltés, o neerlandés, o polaco, o portugués, o romanés e o sueco", recolle a emenda.

A modificación non é un feito simbólico porque sitúa o catalán —non prevé a dobre denominación catalán-valenciano—, o euskera e o galego en plena igualdade co resto das linguas da Unión e, por tanto, tamén co castelán. Para que a proposta prospere, con todo, os vinte e sete Estados membro deben apoiala.

O citado Regulamento tamén dispón que "os textos que un Estado membro ou unha persoa sometida á xurisdición dun Estado membro envíe ás institucións redactaranse, a elección do remitente, nunha das linguas oficiais", e que a resposta será redactada "na mesma lingua". É dicir, que de aprobarse a modificación, calquera texto remitido en lingua galega ás institucións comunitarias será respondido no mesmo idioma.

E no que atinxe, como é o caso que nos ocupa, aos Estados membro con máis dun idioma oficial a nivel comunitario, a normativa da UE sostén que o uso dunha lingua "rexerase, a pedimento do Estado interesado, polas normas xerais da lexislación do devandito Estado".

Comentarios