domingo 05/12/21
Davyth Hicks, secretario xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas

Davyth Hicks: "Os nenos son o futuro e deben poder usar a lingua en todos os ámbitos"

Davyth Hicks (Cornualles, 1961) é o secretario xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN). Na súa visita a Compostela pola celebración da Asemblea Xeral da organización, Hicks debulla para 'Nós Diario' os obxectivos de ELEN, a situación das linguas minorizadas en Europa e o caso concreto da Galiza.
Davyth Hicks atende 'Nós Diario' en Compostela (Foto: Y. C.).
Davyth Hicks atende 'Nós Diario' en Compostela (Foto: Y. C.).

—O córnico, ou kernewek, é unha lingua milenaria. Porén, a comezos do século XX apenas tiña tres falantes. Como chegou Cornualles a esta situación?

Na Idade Media o córnico estaba a medrar da man das lendas que situaban en Cornualles o rei Arturo e algunhas reinterpretacións dos textos cristiáns. Mais Inglaterra virou cara ao protestantismo, e nós, como Irlanda, convertémonos nun Estado fortemente católico. Entón o córnico foi visto como un inimigo asociado ao catolicismo, e o Goberno inglés iniciou unha forte represión na Idade Moderna.

A xente de Cornualles rebelouse en máis dunha ocasión, pero Inglaterra respondeu asasinando arredor dun terzo da poboación masculina, que era a que maioritariamente falaba córnico. Tamén perdemos falantes por mor da emigración. Desde o século XVIII non temos unha comunidade lingüística como tal.

—Cantos falantes ten hoxe?

No século XIX comezou revivir a lingua grazas a algunhas persoas concretas que vivían en diferentes vilas e non se coñecían entre elas. Perdemos a transmisión interxeracional, polo que é todo máis complicado. Estamos agardando polos resultados dun novo censo, mais estimamos que entre 800 e 1.000 persoas falan córnico hogano.

—Como se pode revitalizar unha lingua?

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A transmisión interxeracional é fundamental, podes revivir unha lingua ensinándolla aos teus fillos. Os meus agora saben córnico, inglés e letón, pola súa nai. Aprender idiomas sempre é positivo, e dá igual o número de falantes que teña, ningunha lingua é pequena nin ten menos dereitos.

—O futuro dunha lingua está, pois, en mans da rapazada.

Por suposto, os nenos son o futuro. Temos que garantir que poden usar a súa lingua en calquera ámbito, desde as aulas até o patio de recreo, e que non teñan que pensar "vou falar en castelán a determinada persoa para non molestar".

Un dos proxectos máis ambiciosos que estamos a desenvolver é o European Language Equality, destinado a lograr a igualdade lingüística no eido dixital, xa que moitas linguas están en perigo de desaparecer das novas tecnoloxías malia teren o potencial para superar esta fenda lingüística. É importante para un neno que poida xogar a videoxogos como Minecraft na súa lingua.

—Cal é a diferenza entre unha lingua minoritaria e unha minorizada?

Non nos gusta o concepto "minoritario" porque non está claro que significa. Minoritario implica unha acción, e para nós todos os idiomas, obviamente, son iguais. Mais algúns ficaron nun espazo minoritario, e o que nos interesa saber é como chegaron a iso. Por que o galego está en desigualdade co castelán? Foi convertida en minoritaria por unha serie de factores históricos, logo foi minorizada.

Cómpre revertermos isto para garantir que ti poidas vivir toda a túa vida en galego, eu en córnico e un catalán en català. Unha lingua pertence a un territorio, e se non se protexe aí, non se vai protexer en ningún outro lugar. E vemos algo que pasa moito nas comunidades bilingües. Se nunha habitación hai dez catalán-falantes e un hispanofalante, mudarán ao castelán para ser educados, e o mesmo acontece no Reino Unido. Nunca verás un grupo de dez anglofalantes mudar ao galés ou ao córnico por educación.

—ELEN fundouse en 2011. Hoxe apóiana máis de 60 organizacións de todo o continente. Con que propósitos foi fundada?

Antes tiñamos a Oficina Europea para as Linguas Minoritarias [Eblul, en inglés], dotada cun millón de euros ao ano, que levou a cabo diferentes proxectos lingüísticos, e foi aí onde eu empecei traballar na materia. Mais a Unión Europea decidiu en 2010 cortar o financiamento por algunha razón que non conseguimos entender.

Preocupábanos que non houbese ningunha ONG que defendese os dereitos das linguas ante a UE, o Consello de Europa ou a ONU, e por iso decidimos impulsar ELEN. Temos menos cartos, mais a principal vantaxe é sermos unha organización social totalmente independente, o que nos permite actuar na protección, promoción e desenvolvemento das linguas sen inxerencias políticas.

—Que axuda pode ofrecer ELEN ás e os falantes das linguas minorizadas de Europa?

Moitas das plataformas que conforman ELEN están vencelladas a sindicatos, e nós usamos ese poder. Cando negociamos cun Estado ou coa UE saben da nosa dimensión e do que somos capaces. O maior obxectivo ao que podemos aspirar é que a rede sexa efectiva. Somos eficientes a nivel da UE, a nivel estatal e mesmo a nivel local. Axudamos a internacionalizar os conflitos levándoos ás altas instancias europeas, engadimos un pouco de presión adicional para garantir que se cumpren os dereitos lingüísticos.

Nós acompañamos Òmnium Cultural á ONU para defender, durante catro anos, a liberdade de Jordi Cuixart. E finalmente saíu da cadea. É unha mostra do que podemos lograr se internacionalizamos os conflitos.

O galego comparado con outras linguas do continente

Preguntado a respecto das súas impresións sobre a situación da lingua galega, o secretario xeral de ELEN sinala os "grandes avances" conseguidos nas últimas décadas: "Terdes unha televisión e unha radio na vosa lingua ou utilizala como vehicular no ensino son cuestións que aínda estamos perseguindo en Cornualles", sinala.

Con todo, salienta que aínda queda moito camiño por percorrer na Galiza, como garantir que a cativada teña acceso "a todo tipo de contidos en galego", e fai alusión ao debate sobre a Lei do audiovisual: "A xente debe velo como unha oportunidade, porque o galego, igual que o euskera ou o català, beneficia a economía".

Aliás, Hicks sostén que Francia é "o peor Estado de Europa" no tocante aos dereitos lingüísticos: "O occitano e o bretón están completamente discriminados", di.

Davyth Hicks: "Os nenos son o futuro e deben poder usar a lingua en todos os ámbitos"
comentarios