Os fillos de Son Goku xa non falan galego

Catalán, éuscaro e galego fan fronte común en Madrid polo audiovisual.
Rolda_04
photo_camera O presidente da Mesa, Marcos Maceira, con seu homólogo de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, esta cuarta feira en Madrid (Foto: Nós Diario)

Dez anos despois de morrer ─como marca o dereito canónico da RAG─, o Día das Letras debería honrar o Xabarín e o seu club. Por fociños, por cacheiras. O traballo de normalización lingüística realizado por este e por outros personaxes de debuxos animados emitidos pola Galega desde mediados de 1990 merecería, canto menos, o posto de secretario xeral de Política Lingüística.

Na boca de Son Goku, o galego fíxose normal. Unha lingua normal para un país normal. Mais o tempo pasou, novos formatos audioviosuais xurdiron e unha xeración despois, a historia da transmisión lingüística na Galiza repítese: os fillos de Son Goku xa non falan galego.

Só hai 26 títulos en galego dos case 26.000 dispoñíbeis neste momento nas plataformas dixitais. Todos, producións galegas; ningún dobrado nin con lendas. A programación infantil é de 4,6% de segunda a sexta feiras e de 2,7% na fin de semana. Na TVE, a súa presenza non chega nin á categoría de simbólica.

Son datos achegados por Marcos Maceira, presidente da Mesa, que canda os representantes de asociacións doutras linguas minorizadas do Estado mantiveron esta cuarta feira en Madrid unha xuntanza coas formacións políticas BNG, EH Bildu, Compromís, CUP, En Comú Podem, ERC, Junts, PDeCAT, PNV e Més per Mallorca. O obxectivo, facerlles chegar as reivindicacións lingüísticas e os acordos mínimos que debe incluír a nova lei audiovisual, provinte da Directiva Europea 2018/1808, que se está tramitando no Congreso e que ditará o futuro da industria audiovisual nas linguas oficiais do Estado. 

Neste encontro, ademais de Maceira, participaron Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural; Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua; Anna Oliver, presidenta de Acció Cultural País Valencià; Josep de Luís, presidente de Obra Cultural Balear; e Francesc Marco, secretario de Plataforma per la Llengua.

Demandas

Na conferencia de prensa posterior leuse un manifesto conxunto. Nel laméntase que a Lei do Audiovisual que se está a tramitar teña "moi pouco impacto no avance cara á igualdade audiovisual das linguas oficiais diferentes do español", mesmo cando o piden os parlamentos galego, catalán e éuscaro. Cómpre lembrar que a Iniciativa Popular impulsada pola Mesa, que xuntou máis de 33.000 sinaturas, foi aprobada por unanimidade no Hórreo.

A inclusión dun regulamento sancionador claro que evite que as plataformas prefiran pagar a multa a cumprir a lei; que 6% dos seus catálogos sexan producións en catalán, éuscaro e galego; ou que todos os produtos que teñan dobraxe nestas tres linguas estean dispoñíbeis no sistema, son algunhas das demandas recollidas no manifesto.

Para Maceira, a situación actual "é indicativo do nivel de propagación da enfermidade conxénita do Estado español, que é a alerxia pola pluralidade e a diversidade lingüística". Doenza que, segundo el, ten cura: "Con vontade política, con democracia e con xustiza; aceptando e cumprindo as prescricións do Consello de Europa en relación á Carta Europea das Linguas ou do Relator especial da ONU para as minorías".

Comentarios