Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego: "É incríbel que teñamos que seguir saíndo á rúa para defender o galego"

Marcos Maceira é presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, convocante das mobilizacións deste 17 de maio, Día das Letras galegas. ‘Nós Diario’ conversa con Maceira para tratar a situación actual da lingua galega e os pasos a dar para reverter o desuso do galego.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: Arxina)
photo_camera Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: Arxina)

—En calidade de portavoz da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, de cara ao 17 de maio, Día das Letras Galegas, en que estado de saúde se encontra a lingua galega?
Estamos nunha situación de emerxencia lingüística. O galego perde falantes e non está presente en todas as parte da vida social. Ademais, estamos nun momento en que a competencia lingüística no uso do galego é a máis reducida en toda a historia da lingua.

Segundo datos oficiais 24% dos menores de 15 anos non son capaces de falar en galego. Fronte a esta emerxencia o que temos é unha inacción dos poderes públicos xusto cando se fan 40 da lei de Normalización Lingüística da que o único plan non se chegou nunca a aplicar.

Como resultado de todo isto temos a situación actual en que se encontra o galego, á que só se dá resposta desde a propia sociedade con iniciativas como a Xabarín ou o compromiso das familias que se empeñan en que o galego sexa usado. A situación é reversíbel pero precisa do compromiso dos poderes públicos.

—Cales son os indicadores de uso do galego que máis o preocupan?
Evidentemente o descenso no uso do galego, sobre todo medida que diminúe a idade. É dicir, canto menor é a idade menor é o uso do galego. Este é o máis grave porque indica unha perda serie e grave de falantes. Tamén o nivel de descoñecemento que hai entre a mocidade, que haxa un de cada catro menores de 15 anos que digan que non saben falar galego é algo que nunca pasou na historia do idioma.

Todo isto quere dicir que aínda que haxa persoas que queiran comezar a falar galego, non poden por incapacidade xa que non contan nin coa capacidade nin cos medios xa no propio sistema educativo.

Ao final estamos a ver as consecuencias das políticas lingüísticas que se viñeron aplicando nos últimos 40 anos. Por desgraza non podiamos prever que pasase outra cousa nese combate que se dá co galego nas Institucións e sobre todo pola inacción de quen se supón que debe defendelo.

—Ante esta situación, cal é a importancia da mobilización social?
A mobilización é moi importante, mais non só o 17 de maio, por certo. Este ano fanse 60 anos do comezo da celebración do Día das Letras Galegas que se fixo a proposta do homenaxeado este 2023, Francisco Fernández del Riego. É incríbel que 60 anos despois de que se comezase a celebrar esta data e 40 anos despois da aprobación da principal lei que debería garantir o dereito do uso do galego, aínda teñamos que insistir e saír á rúa para defender cuestións tan básicas como o dereito real a vivir en galego.

Hoxe en día é difícil afirmar que o galego é unha lingua oficial cando non ten, por exemplo, debuxos animados para as crianzas. Ante isto, como non vai ser imprescindíbel mobilizarse... É a única ferramenta que temos para tentar que os poderes públicos cumpran coa súa obriga, que é a promoción do galego.

Esta segunda feira viamos o presidente da Xunta que xa anunciara a súa animadversión á lingua galega polas manifestacións ás que acudiu e que eran abertamente galegófobas, intervindo en español sen ningún tipo de reparo en mitins. Tamén vemos actualmente partidos que fan campaña electoral en español, algo que parecía conquistado.

—Fala da responsabilidade dos poderes públicos. Que nivel de responsabilidade ten a sociedade e que se pode facer para tentar reverter a situación actual?
Aquí dáse unha circunstancia que é que a pesar de que a sociedade é quen consigue os avances para o galego, obrígase a que estea dando a batalla constantemente para que os éxitos conseguidos se manteñan e que haxa novos avances. Aínda vemos como a televisión española continúa a emitir cero horas en galego e esta é a realidade; a sociedade consegue avances para que despois cheguen os poderes públicos a desfacer todo canto a sociedade constrúe.

Que podemos facer? Continuar a reclamar todo isto e sobre todo insistir en que o galego estea presente. Presente dentro das aulas, nos postos de traballo, nas empresas, na Administración e demais.

Tamén se pode actuar formando parte dos colectivos que defenden a lingua galega como por exemplo na Mesa pola Normalización Lingüística.

Comentarios