A Xustiza embarga unha nova propiedade do Grupo Hotusa, organizador do Foro A Toxa

A reclamación dunha contía que rolda os 20.000 euros en concepto de débedas tradúcese no embargamento dun inmóbel a Dahab Properties, tras a que se atopa Amancio López Seijas, presidente de Hotusa e cabeza visíbel do foro económico e político, cun marcado carácter neoliberal, que cada ano decorre, botando man do topónimo deturpado, na illa da Toxa.
Intervención do presidente de Hotusa, Amancio López Seijas, no Foro da Toxa do pasado ano. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
photo_camera Intervención do presidente de Hotusa, Amancio López Seijas, no Foro da Toxa do pasado ano. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

O grupo hoteleiro Hotusa, coñecido por ser o organizador cada ano do Foro da Toxa —'La Toja', co topónimo deturpado, segundo a denominación oficial—, volve ficar no foco da polémica. Segundo puido saber Nós Diario, o Xulgado de Instrución número 4 de Cambados (O Salnés) vén de decretar o embargamento dun novo predio da súa propiedade.

O motivo, o adebedamento dunha contía que ascende a case 20.000 euros en conxunto —16.378,97 euros, de principal e xuros ordinarios e moratorios vencidos, e outros 3.275,80, fixados "prudencialmente para gastos, xuros e costas da execución"—, a avogados radicados en Santiago de Compostela. Contra a sentenza, porén, cabe presentar recurso de reposición.

A mercantil obxecto do embargo é Dahab Properties S.L.U., sociedade domiciliada en Madrid cuxo socio único é Zenon Global Propertiers, empresa que ten Amancio López Seijas, cabeza visíbel de Hotusa, como administrador único. Esta nova resolución xudicial chega poucos meses despois de que un Xulgado de Primeira Instancia de Madrid dese orde tamén de embargar outro inmóbel do grupo por negarse a pagar unha débeda cun dos seus provedores.

Nese caso, o conglomerado empresarial deixou sen aboar a cantidade de 2.307 euros en concepto de principal e 609 euros por xuros, que se correspondían con diversos traballos executados nos últimos exercicios, e o ben embargado foi o recinto do vello balneario da Toxa, no concello do Grove (O Salnés).

O Foro de 'La Toja'

As débedas do grupo hoteleiro cos provedores e traballadores non son óbice para que Amancio López sexa considerado un exemplo empresarial por responsábeis públicos galegos e do Estado, pois son coñecidos os seus contactos no PSOE e, sobre todo, no PP. A expresión máis evidente das conexións políticas e dos posicionamentos do dono de Hotusa é o Foro da Toxa.

O encontro organizado polo empresario xunta cada ano no seu Gran Hotel da Toxa destacados representantes da elite política, sendo fixa a presenza de ex presidentes do Goberno español como Felipe González ou Mariano Raxoi; do mandatario galego, Alfonso Rueda, e do xefe do Estado, Felipe de Borbón. O conclave, que emprega o topónimo deturpado e ilegal desta illa, caracterízase pola súa defensa das posicións neoliberais.

Entre as súas marcas Eurostars Hotels e Exe Hotels, Hotusa conta con máis de 200 hoteis no mundo e completa o control de toda a cadea de negocio coa súa compañía de reservass (Restel) e a comercializadora (Keytel).

Comentarios