O Correlingua regresa ao espazo público cunha vintena de festas

Máis dunha vintena de festas en centros escolares e espazos públicos da Galiza darán vida a unha das actividades máis importantes no ámbito do ensino arredor da lingua.
Marcos Maceira, Maite ferreiro, Suso Bermello e Ana Vigo na presentación do Correlingua 2022. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marcos Maceira, Maite Ferreiro, Suso Bermello e Ana Vigo na presentación do Correlingua 2022. (Foto: Nós Diario).

Concertos, obradoiros, regueifas e máis actividades arredor da lingua centrará unha nova edición do Correlingua 2022 nos centros educativos da Galiza. As primeiras festas terán lugar no mes de maio e gozarán de continuidade no outono con  máis propostas inspiradas na idioma e na promoción do galego no contorno escolar.

As carreiras pola lingua terán que esperar. "Aínda que xa estamos quitando as máscaras e recuperando a normalidade, non foi posíbel este ano recuperar as carreiras e seguimos na liña dos anos anteriores, coas festas e as actividades nos centros", detallou onte o presidente da Asociación Cultural Correlingua, Suso Bermello, na presentación desta nova edición na sede da Deputación de Lugo.

Camiño de recuperar o seu formato habitual, en xuntanzas presenciais ao aire libre, o Correlingua deste ano volverá emitir en directo, a través de You Tube, algunhas festas e actividades para facilitar a participación do alumnado desde as aulas.
O calendario de propostas estenderase durante case todo o curso, desde os primeiros días de maio até os últimos de outubro, en dúas quendas que se van desenvolver baixo o lema 'Fálame!'.

Música e improvisación

O obxectivo, dinamizar o uso da lingua nos centros educativos a través da música e a improvisación. As festas inaugurais do Correlingua 2022 percorreran o eixo atlántico de norte a sur, con paradas en varios colexios e oito espectáculos en espazos públicos, o Pazo da Cultura de Pontevedra (4), a Alameda de Compostela (11), o Teatro Principal da Estrada (12), o auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (18), o Auditorio municipal de Vigo (19), a praza do Seixo Tomiño (20), o Auditorio Municipal de Cangas (27) e o Pazo da Cultura de Narón (31). Chegado o outono, o Correlingua viaxará polas escolas de Ourense e Lugo, onde se despedirá o día 26 no Auditorio Gustavo Freire, precisou Ana Vigo, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

O cartel das festas estará encabezado polo grupo gañador do concurso Cantalingua, Mekánik Rolling Band, ao que se sumarán os dous finalistas Paco Nogueiras e Pauliña.

Ausencia da Xunta

Suso Bermello destacou o interese e a alta participación das escolas nunha actividade que para a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro "demostra a vitalidade arredor da lingua no mundo do ensino. Desde a Deputación cremos que estamos na obriga de colaborar con estas propostas, especialmente cando vemos que a institución que debería facelo, a Xunta da Galiza, se desentende por completo" censurou.

Pola súa parte, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, sinalou que o Correlingua pon de manifesto o enorme "activismo no ensino galego arredor da lingua" ademais da "gran motivación coa lingua e coa súa promoción" que se aprecia nas aulas. Neste sentido, insistiu en que esta actividade "non pode ser ignorada todos os anos pola institución que xustamente ten as competencias educativas, como fai a Xunta da Galiza ao non apoiar ao Correlingua", concluíu.

Comentarios