martes 07/12/21

Correlingua fai 20 anos. A iniciativa que se puxera en andamento en maio de 2001 coa defensa e valorización do galego como obxectivo foi medrando ao longo de todos estes anos até chegar a ser o que é hoxe: unha das iniciativas máis importantes en torno ao galego.

Esta actividade de carácter nacional que transita dunha a outra localidade cun denominador común que é a normalización lingüística da mocidade e a infancia sumou ao longo destes anos miles e miles de alumnos participantes e de profesorado implicado. Aliás, teceu unha rede co mundo da cultura, co que músicos, contacontos, artistas... xa son parte fundamental da iniciativa.

Desde aquel primeiro Correlingua (“Non fiques coa lingua de fóra”) até o que se está a desenvolver este ano (“Inmunízate co galego”) moitas son as cousas que pasaron por este acto que organiza A Mesa, CIG-Ensino e a AS-PG coa colaboración de diferentes institucións.

Vénse de editar estes días un vídeo conmemorativo desas 2 décadas de vida na que sen imaxes das diferentes edicións e toman a palabra algúns e algunhas das impulsoras desta iniciativa polo galego.

“O obxectivo era mostrar a unidade en torno ao galego e visibilizar esa unión en todas as actividades a prol do galego”, afirma Anxo Louzao, ex secretario nacional de CIG-Ensino e expresidente da Asociación Correlingua.

“Logramos interactuar durante todos estes anos coa mocidade e valorizar o galego”, apunta Anxo Terán, o actual presidente da asociación.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Marta Dacosta, que fora vicepresidenta de Correlingua, sinala que foi “fundamental” intervir con iniciativas como esta para que a lingua non desaparecese de escena para nenos e mozos en determinadas partes da Galiza.

Isa Risco, actriz e unha das ‘animadoras’ habituais das últimas edicións de Correlingua, afirma que o Correlingua “é o mellor, é celebrar que temos unha lingua viva”.

2021

Na presente edición, que pon o ramo o 22 deste mes en Foz, o Correlingua reúne máis de 1.500 escolares, e as actividades decorren entre o 20 de outubro e o 22 de novembro na Coruña, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Bueu, A Estrada, Verín e Foz, onde se celebrará a festa de fechamento da edición. Pauliña —gañadora do Cantalingua—, Os John Deeres, Cé Orquestra Pantasma e Música Miúda ofrecerán oito concertos nos diferentes municipios que colaboran co evento.

"Son actividades que fan que o alumnado sexa protagonista dentro e fóra das aulas", sinalou Varela, quen tamén instou a que as actividades "motiven" o uso do galego tanto no eido escolar como no día a día da mocidade.

Vinte anos coa lingua de fóra
comentarios