O BNG preguntará no Parlamento polo veto a 'Nós Diario' nas axudas á prensa

A formación advirte do incumprimento de diversas normativas galegas e europeas en materia de promoción da lingua.
A deputada nacionalista Mercedes Queixas (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada nacionalista Mercedes Queixas (Foto: Nós Diario).

O grupo parlamentario do BNG preguntará no vindeiro encontro da Comisión cuarta, de Educación e Cultura, pola exclusión de Nós Diario da convocatoria de axudas económicas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para o ano 2021.

Deste modo, a deputada Mercedes Queixas e os deputados Daniel Castro e Manuel Lourenzo instarán a bancada popular a responder "por que a Xunta non respecta a definición de 'diario' que regula a Oficina de Xustificación da Difusión (OXD) para o reparto das axudas aos medios".

Cómpre lembrar, neste senso, que o único argumento esgrimido pola Secretaría Xeral de Medios para denegar a subvención a este xornal foi que "só se publica de terza feira a sábado", malia que a OXD define "diario" como "calquera publicación que se edita catro ou máis días por semana".

A formación nacionalista tamén preguntará "como cualifica o Goberno que sexa o único medio impreso en galego o que queda excluído desta convocatoria", así como "que seguimento fai a Xunta do emprego do galego como lingua de comunicación nos diferentes medios que reciben estas axudas", xa que as bases reguladoras decretaban un mínimo de 10% de contidos na lingua do país que se debería "manter ou incrementar progresivamente" ao longo do presente ano. Aliás, o BNG preguntará "que medidas prevé activar o PP para reparar de inmediato a exclusión de Nós Diario".

Incumprimento da normativa lingüística

Por outra banda, o BNG porá o foco no Parlamento no incumprimento de diferentes normas en materia de promoción do galego, como o artigo 19 da Lei de Normalización, que dispón que "o Goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación [privados] que empreguen o galego dun modo habitual e progresivo".

Tamén se estarían a vulnerar, lembra o Bloque, os obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no que atinxe aos medios de comunicación. De feito, neste documento, que data de 2004, fíxase como obxectivo a dez anos vista que o galego teña unha presenza de "cando menos 30%" nos diarios de maior tiraxe.

Porén, na convocatoria de 2021, 17 anos despois, volveuse exixir unicamente 10%. O BNG salienta, así mesmo, que a Xunta obvia o artigo 11 da Carta Europea das Linguas, que di que os poderes públicos "fomentarán e facilitarán a creación e mantemento de, cando menos, un órgano de prensa na lingua minorizada". A este respecto, a Mesa pola Normalización Lingüística anunciou que presentará unha denuncia perante o Consello de Europa.

Comentarios