As reaccións ante o veto da Xunta: "Debería haber un baremo para repartir fondos aos medios"

A Mesa denunciará perante o Consello de Europa o "incumprimento" da Carta Europea das Linguas no reparto das axudas á prensa por parte da Xunta. Aliás, o Colexio de Xornalistas exixe un "baremo" para o reparto dos fondos, e desde o BNG apuntan que a defensa dos valores e a lingua do país debería ser "determinante".
Exemplares de 'Nós Diario' nun quiosco de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Exemplares de 'Nós Diario' nun quiosco de Compostela (Foto: Arxina).

A noticia publicada na sexta feira por Nós Diario sobre a exclusión deste medio do reparto de axudas que fai anualmente a Xunta á prensa escrita desencadeou numerosas reaccións políticas e desde o tecido social.

Na citada información facíase alusión a que este xornal, malia cumprir os requisitos da convocatoria, recibiu a negativa por resposta co único argumento de que non se trata dun diario "ao se publicar de terza feira a sábado", malia que a Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), órgano que a Secretaría Xeral de Medios toma como referencia nas bases reguladoras, define "diario" como "aquela publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas como tales, catro ou máis días por semana".

Tamén se puña o foco na escasa contía que o Goberno galego destina aos medios escritos integramente na lingua propia, perto de 200.000 euros, mentres a convocatoria para os medios xeneralistas, na que só se pide 10% de uso do galego, ascende a 1,255 millóns de euros.

A respecto desta cuestión, A Mesa pola Normalización Lingüística avanzou que presentará unha denuncia perante o Consello de Europa advertindo do incumprimento por parte da Xunta do disposto no artigo 11 da Carta Europea das Linguas, que decreta que os poderes públicos se comprometerán a "fomentar e/ou facilitar a creación e/ou mantemento de, cando menos, un órgano de prensa nas linguas minorizadas", así como a "cubrir os custos adicionais daqueles medios de comunicación que empreguen linguas minorizada, se a lei prevé unha asistencia financeira, en xeral, para os medios de comunicación", como é o caso galego.

"Nada disto acontece na Galiza. Os medios en galego sempre fican excluídos. Non só é un incumprimento flagrante dun tratado internacional que a Xunta debe cumprir; é, tamén, inverter o seu contido: faise xustamente o contrario", sinalou a Mesa.

O pouco peso que ten a lingua do país nestas convocatorias foi a cuestión máis criticada a través das redes sociais, onde decenas de persoas se preguntaron "por que medios estatais como Libertad Digital ou —que escriben en castelán— reciben fondos da Xunta".

A polémica superou as fronteiras galegas, e na mesma liña pronunciouse o presidente da Confederación de Ikastolas de Euskal Herria, Koldo Tellitu, quen acusou Alberto Núñez Feixoo de "lingüicida" e lamentou que non cedese "nin un euro" ao "único diario que se edita en galego".

"A defensa da lingua debería ser determinante"

O deputado e portavoz de Política Institucional do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés, criticou en conversa con Nós Diario a "discrecionalidade" da Xunta no reparto das axudas á prensa e os ingresos por publicidade, algo que, dixo, "acontece coa inmensa maioría dos recursos públicos".

"Precisamos procedementos públicos con criterios obxectivos e transparencia por parte da Administración. E nas axudas á cultura e aos medios un criterio determinante debe ser a defensa dos valores propios, a identidade e a lingua do país", engadiu.

Por outra banda, polo feche desta edición non se obtivera resposta do PSdeG nin o PPdeG.

O Colexio de Xornalistas pide un baremo para repartir os fondos

O decano do Colexio de Xornalistas, Paco González Sarria, tamén ofreceu a súa opinión a Nós Diario: "Non é nada novo [o sistema de reparto de fondos da Xunta aos medios], e xa nos temos pronunciado en múltiples ocasións ao respecto. Reclamamos que as axudas se distribúan con base en criterios transparentes con algún baremo, e que organizacións como o Colexio sexan interlocutores para definir ese baremo", sostivo.

Neste senso, apuntou como elementos a cuantificar "o impacto, a difusión ou o cadro de persoal do medio" e, a raíz diso, "facer un reparto o máis equitativo posíbel". Por outra banda, lamentou os escasos fondos destinados á prensa en lingua galega: "Resulta evidente que deberían primarse os medios en galego, e é triste que a Xunta non reforce o papel que os medios privados poden exercer no espallamento da lingua".

Comentarios