Por que non hai máis neofalantes en galego despois de pasar polo sistema educativo?

Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun estudo que busca mellorar o ensino sobre a situación sociolingüística do galego nas aulas de secundaria, chave, din, para garantir o futuro do idioma.
Contribuír a que o alumnado de secundaria comprenda as dinámicas da lingua axudará a garantir o futuro do galego.(Foto:  Robber solsona/Europa Press).
photo_camera Contribuír a que o alumnado de secundaria comprenda as dinámicas da lingua axudará a garantir o futuro do galego.(Foto: Robber solsona/Europa Press)

"Se queremos seguir falando esta lingua dentro de décadas precisamos, sobre todo nos espazos urbanos, xente nova que teña unha posibilidade de converterse en falante de galego e, por suposto, os falantes tradicionais do idioma". Son os que van ver o futuro, afirma Fernando Ramallo, responsábel da área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e impulsor principal dun estudo que busca "entender por que hai ou non hai tantos ou máis neofalantes en galego despois de pasar polo sistema educativo".

Tras abandonar as aulas do ensino obrigatorio, co galego como materia, á universidade "chega pouco alumnado cun coñecemento relevante sobre a situación social da lingua galega", precisa Ramallo, unha cuestión clave para asegurar novos falantes. É importante que exista competencia para que un idioma se use, pero tamén o é a valoración social ou individual que se ten del.

O futuro da lingua

Así, o futuro da lingua non pasa só polo ensino formal do galego, que mantén o reto de dotar de mellores competencias o alumnado castelanfalante. 

Segundo as conclusións do proxecto de avaliación da competencia bilingüe do alumnado de 4º da ESO realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra hai máis dun ano, o alumnado galegofalante ten un dominio similar de galego e castelán ao finalizar a ensinanza secundaria, mentres que máis dun 35% do castelanfalante ten unha escasa competencia en galego.

Con todo, Fernando Ramallo defende a contribución do sistema educativo "á incorporación de neofalantes". Case todo o mundo acaba cun dominio do galego "aceptábel ou bo, pero algo falla", insiste: a transformación dese alumnado capaz en usuario da lingua; dar o salto desde o 'sei falar, sei ler e sei escribir galego' ao 'son falante de galego', "un falante activo que vai transmitir a lingua".

Lingua e sociedade

"Neste momento, para dar ese paso é fundamental crear unha conciencia sociolingüística crítica ou, se se quere, unha sociolingüística política". Ramallo defende unha planificación lingüística desde unha perspectiva ideolóxica, non só sobre o status, o corpus e a adquisición do galego, "que tivo éxito en moitos aspectos, pero non logrou o esencial, que é aumentar o número de falantes".

Incrementar a conciencia sobre a situación da lingua, a súa evolución e relación coa sociedade é o obxectivo dun dos cinco bloques de coñecemento da materia de Lingua e literatura galega. 'Lingua e sociedade' é desde hai tempo parte do currículo de ESO e Bacharelato, un módulo esencial para un idioma minorizado e "en situación de conflito" como o galego.

"Despois de tantos anos sabemos o que recollen os libros de texto mais non como están a traballar os docentes os contidos na aula", expón o responsábel de normalización lingüística da UVigo. A finalidade do estudo que está a piques de lanzar vai dirixido ao colectivo de ensinantes de galego de todas as comarcas de Pontevedra, de secundaria e da universidade, para coñecer de primeira man a súa praxe, carencias e expectativas.

Terán a oportunidade de responder a unha entrevista de 10 preguntas sobre a situación da lingua, a competencia das estudantes, os contidos curriculares, os materiais didácticos, a influencia do profesorado na práctica lingüística do alumnado e a capacidade transformadora do sistema educativo. Os resultados coñeceranse en outono e serán obxecto dun congreso que aspira a mudar o impacto do ensino na lingua.

Para a deputada de Lingua María Ortega este proxecto dálle continuidade a iniciativas previas que ademais de achegarse á lingua como vector de transmisión de cultura e tradición fomentan a súa normalización a partir do uso que se lle está a dar. "A deputación entende que a promoción e coñecemento da lingua son fundamentais, pero tamén o é saber cal é a realidade do idioma para poder traballar en políticas que contribúan ao seu uso e normalización".

Comentarios