Día das Letras Galegas

23,9% da poboación menor de 15 anos declárase incapaz de falar en idioma galego

A saúde do galego é crítica. Tanto é así que se trata da lingua que sofre unha caída máis acusada de todas as que teñen rango de oficialidade no Estado. 23,90% das persoas menores de 15 anos residentes no país declaran non saber falalo. Ademais,  presenta uns usos reducidos entre a mocidade dos ámbitos urbanos.

Imaxe de arquivo dunha escola infantil. (Foto: Europa Press)
photo_camera A totalidade dos materiais educativos das escolas infantís das cidades galegas está en español.(Foto: Europa Press).

O proceso de substitución lingüística do galego polo español avanza de modo sostido e continuado desde as tres últimas décadas. Neste sentido, os diversos estudos elaborados desde a publicación do primeiro Mapa Sociolingüístico da Galiza, realizado pola Real Academia Galega (RAG) en 1992, certifican unha caída constante de falantes. Precisamente, esta perda de usuarias e usuarios coincide coa introdución do idioma en novos ámbitos, onde tradicionalmente foi excluído.

Os datos sobre coñecemento e uso do galego para 2018, extraídos da Enquisa Estrutural a Fogares do Instituto Nacional de Estatística (INE) sinalan que 24,40% dos residentes na Galiza falan sempre en español, porén esta cifra era en 2003 de 19,66%, en 2008 de 20,28% e en 2013 de 26,25%. Malia a lixeira recuperación de galegofalantes entre 2018 e 2013, estas cifras avanzan un incremento de usuarios do español de 4,74 puntos nun período de 15 anos. Ao tempo, 44,13% da poboación entre 5 e 14 anos e 31,86% da franxa entre 15 e 29 anos afirman expresarse sempre en español, 14,54 e 6,39 puntos máis respectivamente que en 2008.

A Mesa pola Normalización Lingüística explica esta caída no número de galegofalantes pola ausencia dunha “política activa de corrección das causas históricas de desprestixio social do galego” e pola “imposibilidade práctica de utilización e disposición normal da lingua galega en moitos ámbitos, nalgúns casos vulnerando a lexislación galega, estatal e a propia Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas, e noutros por manterse vixente a lexislación que outorga superioridade ao castelán”.

A mocidade

A situación do idioma é particularmente crítica entre a mocidade. Segundo os datos procedentes da última Enquisa Estrutural de Fogares de 2018, nese ano 53.699 mozos e mozas menores de 15 anos, isto é 23,90% desa franxa de idade, declararon descoñecer absolutamente o galego e recoñeceron a súa imposibilidade para expresarse nesa lingua. A cifra representa un incremento de máis de sete puntos en relación a 2008, cando 33.639 rapaces e rapazas menores de 15 anos, 16,33% das persoas incluídas nesa franxa de idade, responderon non ser quen de falar en galego.

O ensino xoga un papel decisivo na mudanza do galego pola español nas idades temperás. A este respecto, o Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames, elaborado para este concello pola Real Academia Galega con datos recollidos entre 2018 e 2020, revela que “un fillo ou filla de cada dez (11,5%) que procede de familias galegofalantes renuncia á lingua familiar no seu primeiro contacto coa escola”. Na mesma dirección, advirte de que “os datos sitúan o desprazamento do galego polo castelán no cambio entre o 1º e o 2º ciclo de Infantil e na mudanza da etapa de Infantil á etapa de Primaria; é dicir, os procesos de muda cara ao castelán semellan aumentar desde arredor dos 2 e 3 anos até os 6 e 7”.

O Decreto do plurilingüismo aprobado en 2009 pola Xunta da Galiza favoreceu este proceso. A citada norma prohibe a existencia de liñas públicas de ensino íntegro en galego e impide impartir aulas de Matemáticas en galego na etapa de Educación Infantil e de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía na Educación Primaria. Ademais, o 100% dos materiais educativos das escolas infantís das cidades están en español e o galego só é maioritario en 8% das mesmas.

Precisamente, a xeografía do proceso de substitución do galego polo español ten o seu punto crítico nos grandes núcleos urbanos e nas súas áreas metropolitanas. A comarca de Vigo é a zona con menos introdución do  idioma. En 2018 o 74,50% da súa poboación recoñecía falar sempre en español ou falar máis español que galego.Ademais, o 66,45% da poboación da área metropolitana da Coruña afirmaba falar sempre en español ou falar máis español que galego, unha cifra máis de catro puntos inferior a de 2013

O galego desamparado

A día de hoxe nin un soa disposición legal obriga ao uso do galego. Mentres arredor de 500 normas obrigan ao emprego do castelán en diferentes esferas da vida social, non existe ningún texto legal que estabeleza a necesidade de usar o galego, conforme á doutrina asentada polo Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. Neste contexto, a Xunta da Galiza inhíbese á hora de demandar para o galego os mesmos dereitos cos que conta o español.

Comentarios