Día das Letras

O activismo social puxa polo porvir da lingua

Miles de persoas chegadas de toda Galiza encheron a praza da Quintana en defensa da lingua, "para podermos vivir en galego agora e sempre". A chuvia non impediu a mobilización colectiva que cada 17 de maio celebra as letras galegas. Este ano, coa mirada posta nun "novo futuro" pleno de dereitos e de conquistas sociais.
Miles de persoas mobilizáronse pola lingua e encheron a Quinta no día Día das Letras. (Foto: Arxina).
photo_camera Miles de persoas mobilizáronse pola lingua e encheron a Quinta no día Día das Letras. (Foto: Arxina).

"Estamos aquí pola defensa da lingua. Estamos a ver un amplo retroceso, sobre todo na mocidade, por iso nun día coma hoxe [17 de maio], cómpre mollarse". Con pucha e paraugas, Carlos, veciño de Sigüeiro, Oroso, atende Nós Diario na Alameda de Compostela minutos antes de que dea comezo a manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego con motivo do  Día das Letras. "Cómpre mollarse pola lingua", precisa erguendo a vista cara un ceo gris e chuvioso que acompañou a mobilización até a praza da Quintana. 

O tempo inestábel non foi suficiente para que centos de galegos e galegas renunciasen a expresar e a reivindicar na rúa un futuro fértil para o galego en todos os ámbitos e para todos os asuntos da vida.

Carlos acudiu en familia, canda a súa parella e tres fillas mozas que recoñecen na súa xuventude un uso desigual da lingua. Mencía, a maior, abandonou o castelán ao chegar á universidade. "Agora é sempre unha alegría cando atopo outra persoa que fala galego", por iso alenta a que "máis xente se anime a falalo e máis xente nos faga falalo". Por andar o seu camiño están as irmas menores, aínda no instituto, onde o castelán segue a ser a súa lingua habitual por mais que na casa manteñan o galego.

A demanda dunha maior presenza do galego no ensino planou durante todo o percorrido. Xan acudiu desde Carballo "como cada 17 de maio" canda a súa compañeira e unha parella de amigos para demandar que "se elimine o decreto do plurilingüismo para poder avanzar após 13 anos de retroceso".

Unha lingua con porvir

Dignificar o idioma exixe normalizar o seu uso no ensino máis tamén na empresa, nos medios de comunicación ou no audiovisual, destacaron ao pé da estatua das Marías Patricia, de Ponteceso; Pablo, de Brión, e María, de Viveiro. Son estudantes universitarias e botan en falta unha oferta de produtos audiovisuais en galego dirixida á xente nova moito máis ampla. "Obsérvase certa repunta, mais o español aínda goza dunha presenza superior".

Tito, veciño de Compostela, manifestouse da man do seu fillo de seis anos. "É unha tradición", pero tamén unha expresión do  que a sociedade galega quere para a súa lingua, afirmou, un status que nada ten que ver cunha posición "sempre relegada, á sombra do castelán". Tamén desde Compostela, Ánxela acudiu cun grupo de amigos para negar que o galego sexa unha lingua morta. "Hai que reivindicar un idioma de futuro, non de pasado, con 400 millóns de falantes no mundo que comparten as súas raíces".

Alento colectivo 

Baixo chuvasqueiros e paraugas que apenas tiveron a ocasión de pregarse, miles de persoas chegadas de numerosas comarcas da Galiza percorreron as rúas do Ensanche compostelán antes de entrar na cidade vella e ocupar a Quintana ao berro de 'Aínda que se molle, o galego non encolle'.

Antes da lectura do manifesto, reclamaron que "a política mude e acompañe o avance do galego". Así o resumiu Xosé Carlos, de Rianxo, quen pediu, ademais, "normalizalo como se fose a nosa lingua". Tamén no rural, apostilaron Maite e Pascual, de Ames, "onde as crianzas deixaron de falar galego malia o interese das familias por garantir a súa transmisión".

Mais "a tendencia negativa da lingua non é irreversíbel". O porvir da lingua é real e a mostra de que a situación pode mudar está no compromiso e na acción da sociedade. Elsa Quintas, foi a encargada de iniciar a lectura do manifesto, previa á intervención final do voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira.

Quintas referiuse aos éxitos da mobilización social nos últimos meses: a iniciativa Xabarín, a incorporación do galego a Netflix e a sentenza do TSXG que obriga a Axencia Tributaria a respectar os dereitos lingüísticos dos administrados. 

Esther Martínez, representante das ANPA galegas, e Mónica García mais Arantza Vilar, actrices e portavoces do sector audiovisual galego completaron a lectura do manifesto nun acto presidido polo músico e escritor Xurxo Souto. "A mobilización colectiva precisa do acompañamento e esforzo das institucións e poderes públicos, que teñen a obriga moral e legal de garantir o galego" en todos os ámbitos. "Precisamos un goberno que actúe e contribúa xunto coa sociedade a darlle un futuro á lingua".

"Queremos un futuro digno para Galiza"

O novo futuro que a plataforma Queremos Galego reivindica para a lingua albíscase nas familias "que fan o posíbel para transmitiren o idioma", nas persoas que se incorporan o seu uso e "no pobo que o mantén", finalizou Marcos Maceira. A normalidade no uso da lingua é chave para o porvir do galego, que require "máis mobilización social e verdadeiro compromiso dos poderes públicos".

Segundo dixo, iso exixe "liberdade para o galego" no ensino, no audiovisual mais na administración e nos servizos. "Tres ideas a custe cero", tres propostas de actuación que o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego dirixiu a novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen lle recordou a súa presenza en 2009 "nunha manifestación de odio ao galego". De querer exercer o seu cargo con "dignidade e galeguismo, como dixo", salientou Maceira, Rueda deberá atender as normas e accións que amparan a lingua "non negar as axudas e discriminar a quen a emprega".

Comentarios