luns 26/07/21

Andrea Mosteiro: "Vivimos nunha sociedade onde o galego é a lingua B, non ten o prestixio necesario"

Andrea Mosteiro Sanxiao creou o proxecto "Na Estrada, en galego" en febreiro de 2020 con 16 anos, cando estudaba 1º de bacharelato. A iniciativa emprega as redes sociais para visibilizar os comercios que usan a lingua galega e serve, ao mesmo tempo, para unilos a través do amor polo idioma. Comezou con poucos participantes mais agora, malia algunha baixa a consecuencia da crise pola pandemia, son 29. Nós Diario reflexiona con ela sobre a situación do galego no comercio e na sociedade.
Andrea Mosteiro, durante unha viaxe a Barcelona realizada en xuño de 2019. (Foto: Xabier Camba Sanmartín)
Andrea Mosteiro, durante unha viaxe a Barcelona realizada en xuño de 2019. (Foto: Xabier Camba Sanmartín)

Avante Pouca

Como se iniciou o proxecto "Na Estrada, en galego"?

Coñecía algúns comercios na Estrada que usaban o galego, deberían ser todos, mais nos tempos que corren... Ver estabelecementos que empregan a lingua galega xa é motivo de alegría. Parecíame que estaban dispersos, porque se non pasabas por esa rúa nin sabías deles nin que empregaban o galego. Esta iniciativa foi unha maneira de unilos e darlles visibilidade. A maior parte son de alimentación ou empresas relacionadas con produtos ecolóxicos. 

En que consiste?

Utilizo as redes sociais, especialmente Facebook e Instagram. No primeiro levamos máis tempo, polo que temos máis audiencia. Difundimos estes comercios e tamén solucionamos algunhas dúbidas lingüísticas. O proxecto ten éxito porque creamos unha unión entre nós. A maior parte son autónomas e autónomos e, por tanto, teñen problemas semellantes. Nótase unha gran melloría, a verdade. Teñen erros dos que non son conscientes e cando os corrixen xa non os volven cometer. Ademais, dan visibilidade a palabras que estaban agochadas. Mesmo tiñamos a idea de facer un dicionario cos erros máis comúns e comezamos a través do blogue que traballamos. O común é empregar “gracias” no lugar de “graciñas” ou “grazas”, tamén usan moito “hola” no canto de “ola”.  

Avante Media 

Tivo boa acollida entre os comercios?

Comezamos cunha tenda de produtos ecosostíbeis, dúas de roupa, outra de arranxos e costura creativa e un salón de peiteado. Aos poucos meses medrou, mais co confinamento quedou estancado. No verán chegamos a ser 30 en total e agora son 29 por un comercio que tivo que fechar.

Cales serían as razóns polas que non se emprega máis o galego nos comercios?

Vivimos nunha sociedade onde o galego é a lingua B. A lingua aínda non ten o prestixio necesario para empregala na vida cotiá. Ao mellor úsase máis no ámbito administrativo e colleu moito peso no educativo, mais fóra diso non é unha lingua habitual. Ao mellor hai 30 anos empregaban o galego no ámbito familiar só, mais agora non é así e mercas en castelán. Depende da consciencia de cada un. No ámbito empresarial, desde o inicio, o galego nunca estivo ben visto. 

Avante Toda

Que parte de responsabilidade temos as e os consumidores?

Creo que a conciencia lingüística de cadaquén debería facernos mercar un produto ou outro, mais esa mesma conciencia está faltando nos últimos anos.

Creo que se debería potenciar máis o emprego do galego no comercio. Sería unha boa maneira de que a xente máis nova vise que se pode utilizar ser problema. Unha docente de galego comentaba que na aula unha parte do alumnado afirmaba que para que estudar galego se ao rematar os estudos e comezar a traballar non poderían empregalo. 

Convive agora mesmo coa mocidade. Como é o seu día a día co galego?

Eu vivo un pouco nunha burbulla. Somos 24 alumnas e alumnos na aula e somos un 98% galegofalantes, non é un exemplo habitual. Pola contra, o alumnado que está en 1º da ESO, ao que lles levo cinco anos, só un 40% son galegofalantes. Hai unha gran diferenza que habería que analizar. Unha amiga de Poio contoume que na súa aula só dúas alumnas falan galego e ten a miña idade. No noso país hai realidades moi distintas. É moi importante falar galego na vida cotiá e non un día nunha exposición, non é nada significativo.

comentarios