venres 30/10/20

O Concello da Estrada incumpre a ordenanza do galego e pide traducir ao castelán documentos dun concurso

O consistorio, gobernado polo Partido Popular, incumpre así a súa propia ordenanza municipal para a normalización da lingua galega.
Concello da Estrada (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez).
Concello da Estrada (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez).

O 10 de xullo, o Concello da Estrada publicou as bases para achegar propostas ao proxecto de humanización da praza da Feira, a rúa Ulla e mais a súa contorna. Os pregos foron publicados exclusivamente en castelán e inclúen entre os requisitos que "todos os concursantes presentarán a documentación en castelán ou en galego con tradución ao castelán".

Esta cláusula chamou a atención de asociacións que contan coa defensa da lingua galega entre os seus obxectivos. Unha delas foi a Asociación Cultural Vagalume, que publicou unha queixa tamén remitida aos medios de comunicación.

"Velaquí a lección", escriben, "o galego é unha lingua subsidiaria que non serve para nada; se alguén desexa utilizala, terá que engadir a tradución no idioma que realmente conta, o español, lingua na que tamén está redactado o documento".

Pola súa banda, Prolingua, a Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua, publicou unha carta aberta ao alcalde da Estrada, o popular José Carlos López Campos, na que reproba a cláusula dos pregos que obriga a traducir a lingua galega. 

Ordenanza municipal

Alén das críticas, Vagalume lembra que o consistorio aprobou no mes de febreiro de 2018 a Ordenanza reguladora de normalización lingüística cos votos a favor de todas as formacións políticas. Daquela gobernaba o actual rexedor, no cargo desde 2011.  A ordenanza fixa o galego como o idioma de "uso normal no Concello". A lingua, polo tanto, "na que irán redactados todos os documentos".

Un dos apartados da norma recolle que os estudos, proxectos e outros traballos que o Concello da Estrada encargue a terceiros deberán ser presentados en galego. Polo tanto, os pregos e a cláusula que exixe a tradución incumprirían a ordenanza.

"Desde a Asociación Cultural Vagalumes manifestamos a nosa repulsa e indignación perante este feito e facemos un chamamento ao Goberno municipal para que, cando menos,  cumpra a súa propia lexislación", afirma o colectivo.

Na Estrada ten a súa praza como técnico de normalización lingüística o actual secretario xeral de Política Lingüística na Xunta, Valentín García. Cuestionado por Nós Diario, nin o Concello nin o propio García, en excedencia, valoraron esta discriminación do idioma.  
 

comentarios