sábado 08/08/20

As galegofalantes pagan o desleixo da Administración

A Administración Pública bate todos os récords en materia de incumprimento dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes. A experiencia das entidades que desde Galiza traballan en defensa da lingua confirma as advertencias que desde o Consello de Europa lles lanzan tanto ao Goberno da Xunta como á Administración xeral do Estado. Moitos organismos infrinxen a lei ao excluír o galego das súas comunicacións e procedementos oficiais. Unha das máis activas, a Axencia Tributaria.
galego
galego

As recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa, a propósito do incumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, destapou non só as débedas do Goberno da Xunta en materia lingüística, senón tamén o desleixamento da Administración xeral do Estado á hora de garantir o respecto dos dereitos lingüísticos da cidadanía.

Quen ten a obriga de velar por eles é quen "encabeza a lista de queixas" que cada ano recolle a Mesa pola Normalización Lingüística en colaboración co Observatorio de dereitos lingüísticos no seu informe A Liña do Galego, un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións, empresas ou servizos que os vulneran; así como parabéns para leva a cabo accións destinadas a favorecer "o dereito a vivir en galego".

A exclusión da lingua galega forma parte da normalidade das Administracións públicas e de moitas e moitos galegofalantes.

A primeiros de 2020 a Mesa presentará a memoria do ano 2019, un resumo do que se desprende que a exclusión da lingua galega forma parte da normalidade das Administracións públicas e de moitas e moitos galegofalantes. "Unha mostra da consideración de inferioridade do galego e das persoas que o utilizan, que converten o noso idioma nun accesorio prescindíbel que nos obriga literalmente a prescindir del para acceder a servizos básicos", apuntan desde a institución de defensa da lingua.

a-lina-do-galegoa-mesa-pola-normalizacion-linguistica-A gran maioría das 303 queixas rexistradas durante o ano 2018 "están motivadas pola ausencia de uso, discriminación e deturpación do galego en todos os ámbitos da vida pública e privada". Case a metade das reclamacións (46%), refírese á Administración pública, onde a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos.

A Administración, quen máis incumpre

A Administración galega recibiu 45% das protestas, a Administración local acadou 35%, dirixidas a concellos e deputacións, e a Administración xeral do Estado obtivo 20% do total. Deste xeito, sinalan desde a Mesa, "quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e respecta o galego, é quen máis a incumpre e vulnera". Máis en detalle, en 2018, destacan as queixas dirixidas aos concellos (36%), á Xunta de Galiza (33%), ao Servizo Galego de saúde (12%), ás Deputacións (4%) e á Axencia Española de Administración Tributaria (7%), un dos organismos do Estado que prescinde do galego de forma sistemática, e que, en consecuencia, maior porcentaxe de queixas e solicitudes recibe.

O emprego da lingua na Administración non mellorou en absoluto "nin é suficiente para satisfacer as necesidades da poboación galegofalante.

Un exemplo ao que se lle pode sumar o uso do galego na xustiza e noutros servizos públicos fundamentais, como pode ser o da Seguridade Social, onde as usuarias ven eivado o seu dereito a seren atendidas en galego; no uso de formularios, textos administrativos, documentos legais, procedementos e comunicación oficiais. 

Na práctica, non hai tal, malia as obrigas recoñecidas pola Carta europea das linguas no seu artigo 9, referido á xustiza, ou no 10, relativo ás autoridades administrativas e os servizos públicos; dous ámbitos claves para o Consello de Europa, que no seu último informe mantén que o emprego da lingua na Administración non mellorou en absoluto "nin é suficiente para satisfacer as necesidades da poboación galegofalante". Neste sentido, urxe a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o emprego do galego na xustiza, ademais da promoción do uso do galego na Administración do Estado na Galiza e na prestación de servizos públicos.

Unha lingua allea para a Axencia Tributaria

O rexistro de queixas da Mesa pola Normalización Lingüística atende "unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos sinalados son sistemáticas", afirman. Unha das últimas, describe o periplo de Xurxo Martínez, técnico de normalización lingüística de Redondela, na súa porfía para que a Axencia Tributaria se dirixa a el en galego para calquera comunicación oficial.

Axencia tributariaA disputa dura máis de ano e medio. “Fixemos a declaración e tocounos pagar unha cantidade pequena. Decidimos non a ingresar para que se iniciase un requirimento de pago, e apuramos a presentar unha solicitude por rexistro para que toda comunicación que saíse da delegación viguesa da axencia Tributaria fose en galego, exclusivamente en lingua galega, amparados pola lei e cunha relación das normas que defenden os nosos dereitos lingüísticos como galegofalantes".

Segundo conta a Sermos Galiza, o requirimento de pago chegou en castelán. Após unha reclamación veulles traducido ao galego, fóra de prazo e nun formato que non respecta os modelos oficias orixinais. “Embargaron a conta e retiraron directamente unha penalización que agora, despois de ano e medio, temos que reclamar vía contencioso administrativo se a queremos recuperar, cun custo de 1.500 euros en caso de perda".

Fixemos a declaración e tocounos pagar. Decidimos non a ingresar para que a Axencia Tributaria iniciase un requirimento de pago, e pedimos que cada comunicación que nos fixeran fose en galego. Todas e cada unha chegaron en castelán.

Máis aló das consecuencias económicas que lle supón este tirapuxa coa Axencia Tributaria, das que sempre foi consciente, Xurxo Martínez destaca o incumprimento sistemático da Axencia Tributaria no uso do galego como lingua cooficial do Estado, cando o usuario elixe que sexa esta na que se formalice cada procedemento. "Sempre, cada nova comunicación, foi en castelán, e só ao exixirmos que fose en galego nos chegou unha tradución que alguén se molestou en facer porque así o reclamamos", incide, non porque forme parte da dinámica habitual desta entidade. "Só con que medio millón de persoas fagan o que fixemos nós, a Axencia Tributaria tolea, porque non ten forma de asumir este volume de traballo, denuncia Martínez.

Con esta iniciativa, di, "queríamos destapar o problema real, agora que tanto se fala de imposición da lingua, para que se vexa cal é a imposición. O que se impón é o castelán". Unha e outra vez, sinala, "e non só na Axencia Tributaria, tamén noutras plataformas como poden ser  o punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACe) ou Portos do Estado, "onde podes escoller a lingua, pero ao final, comprobas que os documentos que descargas veñen todos en castelán".

A delegación especial da Axencia Tributaria na Galiza recoñece o dereito das usuarias galegofalantes pero di que non as pode atender na súa lingua porque teñen moito traballo e un programa informático que non acepta o galego.

Xurxo Martínez recoñece que despois de varios meses de avisos e reclamacións, o seu caso chegou á delegación especial da Axencia Tributaria na Galiza, de quen obtiveron un escrito que recoñece o dereito das usuarias galegofalantes a seren atendidas e comunicadas na súa lingua, cando así inician calquera solicitude ou procedemento; pero tamén a incapacidade da entidade para cumprir a lei e respectar os dereitos lingüísticos desas persoas.

Un dereito sen capacidade para ser respectado

"O que conseguimos da directora da delegada especial da Tributaria na Galiza foi algo incríbel, porque con  sinatura e redacción propia en galego, recoñece que a Axencia Tributaria non ten capacidade para ofrecer as súas comunicacións en galego. Recoñece que tiñamos o dereito a recibir cada aviso en galego, pero que non poden facelo porque teñen moito volume de traballo e o programa informático que emprega a Axencia non acepta a lingua galega".

eugalegoUnha eiva que comparte a Administración de Xustiza, cuxo programa informático só acepta o castelán, que repercute nas usuarias, e que non recoñece o Tribunal Económico Administrativo Rexional da Galiza, a quen recorreron en última instancia para solicitarlle a devolución dun embargo inxustificado, derivado do incumprimento sistemático dun dereito lingüístico fundamental.

Ampárase, di Xurxo Martínez, "en que a lingua oficial do Estado é o castelán, segundo a Lei de procedemento administrativo común", un texto que vai máis aló e recoñece o uso de calquera lingua cooficial nas relacións coa Administración e a obriga de asistir cada persoa "na lingua elixida pola interesada". "Hai xurisprudencia", insiste Martínez, que vai esgotar todas as vías dispoñíbeis "até que o usuario deixe de pagar o desleixo da Administración".

comentarios