O xurado electoral proclama a Pedro Castillo como novo presidente do Perú

As institucións do Perú rematan cos recursos presentados por Keiko Fujimori e proclaman a Pedro Castillo e Dina Boluarte como presidente e vicepresidenta respectivamente. A pesar da vitoria de Perú Libre, Fujimori insiste en que houbo fraude sen aportar probas e manterá as mobilizacións contra o novo Goberno.
Pedro Castillo celebrando os resultados despois da xornada electoral. (Foto: Ricardo Moreira)
photo_camera Pedro Castillo celebrando os resultados despois da xornada electoral. (Foto: Ricardo Moreira)

43 días despois de que as peruanas e peruanos saíran a votar na segunda volta das eleccións presidenciais do Perú, con centos de impugnacións por parte de Keiko Fujimori baixo acusacións dun fraude masivo e chamadas ao golpe de Estado polo medio, o Xurado Nacional de Eleccións (JNE) proclamou nunha sesión telemática ás 7.00 da tarde hora peruana (2.00 da mañá na Galiza) desta segunda feira, a Pedro Castillo Terrones, candidato de Perú Libre, como novo Presidente da República.

Horas antes, o JNE resolvera os últimos recursos presentados por Forza Popular -o partido de Fujimori-, antes de declarar como definitivos os resultados electorais. Tras un mes de audiencias para dirimir o suposto fraude orquestrado por Perú Libre, as autoridades electorais non modificaron nin un só voto, polo que certifican que Castillo e Dina Boluarte, nova vicepresidenta do Perú, se impuxeron por 44.000 papeletas (0,25%).

Pola súa banda, a candidata de Forza Popular, que acumula tres derrotas seguidas na segunda volta das presidenciais, anunciou unha vez rexeitadas todas as impugnacións que “vou recoñecer os resultados, porque é o que manda a lei e a Constitución que xurei defender”, mais insistiu na acusación de fraude sen probas, “Perú Libre roubounos miles de votos o día da elección”, despois dunha campaña alentando o medo á chegada do "comunismo".

Bloqueo do lexislativo

“Fago un chamamento a todos os peruanos para non rendernos e seguir adiante poñendo en marcha unha gran defensa democrática”, engadiu Fujimori, confirmando parte dos temores de que Forza Popular seguirá coa estratexia aplicada contra Pedro Pablo Kuczynski, cando aproveitou o seu grupo parlamentar para imposibilitar a acción do presidente e forzar un pedido de Presidencia vacante, co cal o Congreso do Perú pode destituír o xefe de Estado.

Finalmente, Kuczynski dimitiu antes do segundo intento ao ver a luz un vídeo do irmán de Keiko, Kenji Fujimori, intentando subornar a congresistas para que votaran non a inhabilitación do presidente, que pouco antes indultara o ex ditador Alberto Fujimori, pai da candidata derrotada, dunha condena polas masacres ordenadas durante a súa etapa no poder.

Esta situación levou a unhas novas eleccións no Congreso en 2020 e a dous novos presidentes que non conseguiron frear a inestabilidade política coa que Castillo se terá que enfrontar.

Nun Congreso moi dividido, con até dez forzas políticas con representación, os 37 escanos de Perú Libre, malia convertelo na primeira forza, están moi lonxe dos 87 precisos para protexerse do proceso de destitución da Presidencia, obrigándoo a unha negociación permanente.

Para a configuración do novo Goberno do Perú, o socio principal é Xuntos polo Perú, a coalición liderada por Verónika Mendoza, mais os medios informan das conversas para unha candidatura común á dirección do novo Congreso, que inclúen Somos Perú, Podemos Perú, Acción Popular e o Partido Morado. O novo lexislativo comeza o seu período de sesións o 27 de xullo.

Xa como presidente, Castillo convocou as seguidoras e seguidores de Perú Libre á sede da organización en Lima, desde o balcón sinalou que “traio o corazón aberto para todos vostedes, neste peito non hai rancor, primeiro está o Perú, primeiro están os peruanos”, amais quixo lembrar que “esta loita non se emprendeu este ano, nin esta década”.

O presidente dedicou a vitoria “aos indíxenas, aos afroperuanos, ás comunidades latinas e a todas as etnias e grupos humanos do Perú”, comprometéndose a crear “un pobo máis xusto, máis soberano, máis digno e máis unido” no “que ninguén quede atrás”, poñendo o foco na loita contra a corrupción. Dirixíndose a Fujimori, Castillo reclamou non pór “máis barreiras nesta travesía, non máis obstáculos para sacar adiante este país”.

Minutos despois da proclamación, os presidentes latinoamericanos que aínda non recoñeceran o triunfo de Castillo comezaron a transmitir os seus parabéns, incluído o secretario xeral da OEA, Luis Almagro.

A unha semana do bicentenario da independencia da monarquía española

“Desde este momento o Perú é libre e independente pola vontade xeral dos pobos”, proclamou o 28 de xullo de 1821 na praza maior de Lima o xeneral José de San Martín, líder xunto a Simón Bolívar do proceso independentista contra a monarquía española no sur do continente americano.

A unha semana do bicentenario, a chegada de Pedro Castillo á Presidencia do Perú dá entrada no seo do poder político do Estado a un mestre rural de Cajamarca, na serra norte, unha das zonas máis empobrecidas do Perú a pesar dos xacementos minerais que se explotan na rexión. A acta de independencia, sostida por terratenentes de orixe europeo, non implicou que o resto da República tivera até o de agora acceso a facer seu un Estado que os explotou de xeito semellante á colonia.

Comentarios