Perú, terceiro presidente nunha semana

Francisco Sagasti, co beneplácito do destituído Vizcarra, tomou hoxe posesión do cargo de presidente do Perú despois de ser confirmado un día antes polo Congreso. A designación fecha unha semana tumultuosa, que alcanzou o seu cénit o pasado sábado coa morte de dous mozos durante a violenta represión policial.
EuropaPress_3436583_nuevo_presidente_interino_peru_francisco_sagasti
photo_camera O novo presidente do Perú, Francisco Sagasti, tomou onte oficialmente posesión do seu cargo (Foto: Eddy Ramos / Andina)

"O dereito á protesta pacífica está protexido pola Convención Americana de Dereitos Humanos, e pola Constitución Política do Perú como un dereito autónomo e non enumerado", escribía na segunda feira Andrés Calderón, director do Departamento de Dereito da Universidade do Pacífico, no xornal peruano El Comercio

"Como dereito fundamental ─continuaba─, o seu exercicio non está suxeito a autorización previa. Non se suspende nin sequera durante un Estado de Urxencia. Non se pode prohibir a protesta pacífica ─de forma xenérica e sen fundamento caso por caso─ en espazos públicos como prazas e avenidas. Non hai 'horarios de manifestación' nin toques de queda válidos. Non se pode 'dispersar' unha marcha". 

E é que as protestas da última semana nas rúas do Perú contra a moción de censura ─"vacancia" ou xuízo político no Congreso─ a Martín Vizcarra e contra a investidura de Manuel Merino como novo presidente fixeron tremer o país e forzaron os representantes políticos a atender, polo menos en parte, as exixencias da cidadanía mobilizada. 

Merino acabou dimitindo, mais o prezo foi altísimo: dous mozos, Bryan Pintado e Inti Sotelo, faleceron durante a forte represión policial que se produciu na manifestación do sábado pasado. O primeiro, de 22 anos, recibiu impactos de 10 perdigóns de chumbo no cranio, na cara, no pescozo, nun brazo e no tórax, segundo a necropsia. O segundo, de 24 anos, catro, un deles no corazón.

"A ver se o entende dunha vez algún director da Policía e algún ministro do Interior: o seu labor debería ser o de protexer os manifestantes, non dispararlles, gasealos, nin emboscalos, actos criminais rexistrados en televisión en vivo e na retina de todos os peruanos para a ignominiosa posteridade", inquiría no seu artigo Andrés Calderón.

Horas de desconcerto

Porque a morte de Pintado e Sotelo conmocionou o país. Até tal punto que unha vez coñecido o suceso, Merino abandonou a Presidencia só cinco días despois de promover persoalmente a destitución de Vizcarra. "Neste momento, onde o país atravesa unha das máis grandes crises políticas, quero pór en coñecemento a todo el país que presento a miña renuncia irrevogábel e invoco a paz e a unidade de todos os peruanos", dixo. Pouco antes 12 dos seus ministros xa decidiran abandonalo.

O diario La República escribía no editorial da edición do domingo: "A insostíbel situación do Goberno en mans dun grupo golpista, aventureiro e insensíbel, transgresor dos dereitos e liberdades non pode continuar. Aínda que non tivese unha orixe inconstitucional, a presenza dun grupo que pretende dirixir un país, armado de ignorante prepotencia, é irreconciliábel co Estado de dereito. A ilegal orixe agrava o seu desempeño improvisado e torpe".

Nas seguintes horas barallouse a posibilidade de que a poeta e activista de esquerdas Rocío Silva Santisteban, do Frente Amplio, se convertese na primeira muller presidenta do Perú, mais o Congreso bloqueou a proposta: supostamente era unha candidata de consenso, mais dos 60 votos que precisaba só logrou 42, por 52 en contra e 25 abstencións. Mesmo se pensou en restituír a Vizcarra, mais a presidenta do Tribunal Constitucional considerouno "improcedente". O desconcerto foi novamente criticado e censurado pola opinión pública. 

Finalmente, na segunda feira foi Sagasti, de 76 anos, o elixido con 97 votos como presidente do Congreso, e polo tanto, como presidente da República, cargo que ocupa oficialmente desde onte. Serao até o vindeiro 27 de xullo, cando sexa substituído polo seu sucesor, froito da renovación do Congreso nas eleccións previstas para o 11 de abril. 

Lidera a lista formada ex profeso para esta interinidade que integran tamén Mirtha Vásquez, Luis Roel e Matilde Fernández, respondendo a unha das exixencias da cidadanía: que da mesa directiva non formase parte ningún dos parlamentarios que votaron a favor da vacancia. Vásquez e Rocío Silva Santisteban foron as únicas deputadas do Frente Amplio (esquerda ampla, oito membros) que non apoiaron a moción ao ex presidente. Tamén Roel foi dos poucos congresistas de Acción Popular (partido de Merino, 25 membros) que non secundou o voto de censura. No caso de Fernández, todo o seu grupo de Somos Perú (demócrata-cristián, con nove membros) se opuxo. 

Merino afronta até 35 anos de cárcere por "graves violacións aos dereitos humanos"

Martín Vizcarra mandou unha mensaxe pacificadora coa elección do novo presidente, celebrando "que prime a responsabilidade fronte a intereses particulares". Tamén se referiu á morte de Pintado e Sotelo. "O país non permitirá que a morte destes valerosos mozos fique impune", manifestou.

O ex presidente Merino, que non volveu aparecer en público desde a dimisión, foi denunciado penalmente canda ao seu primeiro ministro, Ántero Flores-Aráoz, e o ministro do Interior, Gastón Rodríguez. Poderían ser condenados a até 35 anos de cárcere por "graves violacións aos dereitos humanos".

A fiscal xeral do Perú, Zoraida Ávalos, confirmou que ordenara unha investigación preliminar por suposto abuso de autoridade, homicidio doloso e lesións graves, lesións leves e desaparición forzada en agravio de "persoas a determinar". Salientou que os delitos se cometeran "no contexto de violación de dereitos humanos" e asegurou tamén que "estas mortes non ficarán impunes". 

Comentarios