sábado 28/11/20

A protesta popular no Perú tumba Manuel Merino

O presidente do Congreso, Luis Valdez, fixera un ultimátum a Merino para que dimitise baixo a ameaza de aprobar unha nova moción de censura.
(Foto: Europa Press)
(Foto: Europa Press)

O presidente interino de Perú, Manuel Merino, anunciou a súa renuncia irrevogábel ao cargo, ao que chegou o 9 de novembro despois destitución por acusacións de corrupción do seu antecesor, Martín Vizcarra. A dimisión prodúcese no medio de intensas protestas populares en todo o país.

"Quero anunciar que presento a miña renuncia irrevogábel ao cargo de presidente da república", anunciou Merino nun discurso á nación. Na súa intervención, Merino anunciou a dimisión dunha ducia dos seus ministros, pero sinalou que seguirán no cargo para garantir a continuidade institucional.

Antes da súa intervención, o presidente do Congreso, Luis Valdez, dera un ultimátum a Merino para que dimitise este domingo baixo a ameaza de aprobar unha nova moción de censura.

"Co único propósito de salvar a vida e a saúde de todos os peruanos, os congresistas da República teñen a difícil decisión de pedirlle a dimisión porque valoramos a vida dos peruanos por riba de calquera interese", dixo Valdez. "Se non, o Congreso tomará a decisión de impulsar unha moción de censura á espera da elección dun substituto. O prazo remata hoxe ".

O Congreso do Perú uniuse así ás peticións de todas as áreas do espectro político peruano para que Merino abandonase a presidencia.

A represión das protestas polas forzas de seguridade causara dous mortos e ducias de feridos, o que acrecentou a indignación social, traducida en manifestacións multitudinarias en diferentes puntos do país.

comentarios