domingo 25/07/21

Descuberta unha rede para comprar as eleccións no Perú

A man dereita do pai de Keiko Fujimori, o ex ditador Alberto Fujimori, protagonista dun novo intento de subornos para beneficiar a candidatura de Forza Popular, ofrecendo tres millóns de dólares aos integrantes do Xurado Nacional Electoral.
Keiko Fujimori nun mitín esta semana para defender o fraude. (Foto: Adrian Portugal / dpa)
Keiko Fujimori nun mitín esta semana para defender o fraude. (Foto: Adrian Portugal / dpa)

Vladimiro Montesinos, man dereita do ex ditador do Perú Alberto Fujimori, leva preso desde 2001 na prisión de máxima seguridade situada na base naval do Callao, con sentenzas que van desde o tráfico de armas até varias matanzas, pasando por varios subornos.

Mais, estar engaiolado non impediu que segundo revelou o xornal La República, participara na campaña para levar a Keiko Fujimori, candidata de Forza Popular e filla do ex ditador, á Presidencia.

Primeiro a través da organización dun operativo de campaña que incluía un centenar de persoas dedicadas a difundir mensaxes nas redes sociais, e unha vez que os resultados da segunda volta no Perú favoreceron a Pedro Castillo, candidato de Perú Libre, impulsou unha rede para pagar un suborno de tres millóns de dólares (2,53 millóns de euros) aos membros do Xurado Nacional de Eleccións (XNE).

Unha vez que rematou o reconto definitivo das actas de votación, Fujimori e a maioría de medios peruanos insistiron en que o suposto fraude implicaría que o XNE tería que anular até 200.000 votos, o que lle tería dado a vitoria, para o cal se planificou a entrega duns subornos que foron denunciados por un militar retirado.

O XNE é un dos tres organismos electorais cos que conta o Perú, e o responsábel de desbotar as impugnacións de Fujimori, que diante dunha segunda volta electoral cun final adverso lanzou acusacións dun fraude xeral que o XNE está a rexeitar, ao non aceptar ningunha das apelacións de Forza Popular pola falta de evidencias.

Entre chamadas ao golpe de Estado, a candidatura de Fujimori desenvolveu unha estratexia legal para adiar o recoñecemento de Pedro Castillo como novo presidente do Perú tras imporse por 44.000 votos, a costa da tensión e da deslexitimación das institucións estatais cando a vindeira semana fará un mes das votacións decorridas o 6 de xuño.

O apoio dos grandes bufetes e a dereita política, que se nega a recoñecer a vitoria de Castillo, non evita que os tribunais estean a desestimar as novas demandas. Esta semana o Xulgado Constitucional Transitorio 2 de Lima rexeitou unha solicitude para repetir a segunda volta electoral por fraude. “Non se rexistraron irregularidades no proceso”, concluíu.

comentarios