"Liberdade ou comunismo" á peruana

En poucas horas van abrir as urnas para que as peruanas e peruanos elixan a persoa que ocupará a Presidencia de Perú. Castillo e Fujimori chegan empatados á segunda volta deste domingo.
EuropaPress_3749180_31_may_2021_peru_arequipa_keiko_fujimori_the_conservative_presidential
photo_camera A candidata da formación Forza Popular, Keiko Fujimori, nun mitin en Arequipa o pasado 31 de maio (Foto: Denis Mayhua / dpa)

"Debemos evitar que se instale un modelo comunista e expropiador", manifestaba Keiko Fujimori nunha entrevista ao xornal El Comercio (conservador) o pasado 19 de abril, ao pouco de se coñecer que se enfrontaría en segunda volta a Pedro Castillo.

Castillo, mestre sindicalista, é representante da esquerdista Perú Libre e foi o candidato máis votado na primeira volta das eleccións presidenciais do Perú, desenvolvidas o 12 de abril. Fujimori, filla do ex ditador Alberto (1990-2000) e representante de Forza Popular ─partido populista de dereitas e neoliberal─ foi segunda. Un dos dous será mañá elixido novo presidente do país.

Discurso do medo

O pasado 11 de marzo, o fiscal anticorrupción peruano, José Domingo Pérez, presentou ante a xustiza o informe da investigación a Fujimori por ocultar supostas doazóns ilexítimas de Odebrecht e outras empresas nas súas anteriores campañas electorais. A fiscalía pediulle máis de 30 anos de prisión por organización criminal, lavado de diñeiro, falsidade e obstrución á xustiza.

Porén, tanto nos medios de comunicación como en boa parte da sociedade peruana callaron máis e mellor as mensaxes de "liberdade ou comunismo", as que ameazan cun Perú "chavista" e as que mesmo vinculan Castillo con Sendero Luminoso, nun exercicio de terruqueo ("á acción de relacionar co terrorismo calquera idea ou comportamento que poida ser percibido como radical polos sectores conservadores, moi abundantes na sociedade peruana", explica a Fundeu, fundación da Real Academia Española e da axencia de noticias EFE para o uso do bo español nos medios).

Erros de campaña

Nesta tesitura, coa ameaza do "Demoler, demoler la estación del tren; Echemos abajo la estación del tren" que cantaban Los Saicos, grupo peruano de garage rock e protopunk da década de 1960, a vantaxe que acumulaba Castillo con respecto a Fujimori en abril foise reducindo nestas semanas. As últimas enquisas apuntan un empate técnico, con lixeira vantaxe do primeiro.

Segundo analizaron esta semana as empresas de sondaxe nunha reunión con medios internacionais, a remontada tamén se explica polos erros de Castillo durante a campaña, como as declaracións da pasada segunda feira onde sinalou que "o feminicidio é produto da ociosidade que xera o mesmo Estado, a desocupación, a delincuencia". Palabras que provocaron indignación nos colectivos feministas dun país onde en 2020 foron asasinadas 138 mulleres. Castillo asegurou que se sacaran de contexto, mais serviron de munición para Fujimori. 

Tamén para a maioría dos medios de comunicación, que inciden con temor nos aspectos máis sociais da súa economía, como a intención de renegociar os contratos coas empresas mineiras e "un novo imposto ás sobreganancias" para estas grandes compañías dun sector chave no país (60% das exportacións). 

"Sobe o pan"

"Pedro Castillo ratifica respecto ao aforro e á propiedade privada", titulaba La República (progresista) nunha crónica esta semana tras un mitin en Arequipa. Alí dixo: "Basta de cambadelas, o pobo é intelixente, acabáronse as trampas e as mentiras, o terruqueo económico; mañá seguro soben o dólar e o pan. Esta semana vai haber un alza de custos, de prezos, para dicir que é porque Pedro Castillo vai chegar ao Goberno".

As empresas de sondaxe salientaron que nos sectores populares do país esta mensaxe pesou máis que o discurso do medo. Pesou máis o lema que Castillo contrapón ao de "liberdade e comunismo. Ese que di: "Non máis pobres nun país rico". 

Comentarios