A Unión Europea adestrará 15.000 militares ucraínos

A Unión Europea (UE) dá un paso máis no seu programa de axuda militar a Ucraína. O Comité Político e de Seguridade comprometeuse esta fin de semana a formar 15.000 militares ucraínos. O proxecto completa o labor deste tipo que xa veñen desenvolvendo os diversos Estados membros, entre eles o Reino de España.

Margarita Robles
photo_camera Margarita Robles visitando aos militares ucraínos que reciben adestramento na base de Zaragoza. (Foto: Ministerio de Defensa)

O Comité Político e de Seguridade da Unión Europea acordou nunha xuntanza mantida nesta fin de semana formar 15.000 militares ucraínos para reforzar a capacidade de combate das forzas armadas no marco do seu conflito con Rusia.

O responsábel deste organismo comunitario, o primeiro ministro checo, Petr Fiala, avanzou a sexta feira o acordo para a formación militar de ucraínos, mais non concretou até este domingo a formula de axuda e a cifra de exacta de efectivos beneficiados deste programa.

O proxecto de asistencia militar, cuxa ratificación definitiva corresponde aos xefes de Estado e de Goberno dos países da UE, vai na liña de determinados programas no plano da formación que xa veñen desenvolvendo diversos Estados comunitarios.

Militares ucraínos formándose en Zaragoza

O propio Executivo español forma na base área de Zaragoza a ducias de mandos militares ucraínos no emprego de diversos sistemas de armamento aéreo. Sen ir máis lonxe, a pasada sexta feira, a ministra de Defensa, Margarita Robles, reuniuse con eles no recinto militar e trasladoulle o apoio do Goberno.

Robles manifestou que “España séntese moi próxima a Ucraína, e ímola a apoiar até que Ucraína gañe  totalmente esta guerra. Sentímonos moi satisfeitos de poder axudarlles. Ucraína está a dar un exemplo ao mundo, é un exemplo para todos os cidadáns e tamén para os militares españois”.

A titular de Defensa transmitiu aos militares ucraínos que “ máis aló da formación que vostedes están a aprender aquí, eu quería transmitirlles o apoio, o agarimo e o recoñecemento de España con Ucraína. A súa estancia aquí para nós é unha maneira de demostrarlles o noso recoñecemento e a nosa admiración. Todo o pobo ucraíno e vostedes demostraron que son bravos e heroicos”.

Alemaña e Polonia

O groso da formación militar dos soldados ucraínos corre a cargo dos países da OTAN, significándose entre eles Estados Unidos e Reino Unido. Asemade, prestan, tamén, unha importante colaboración nesta materia Alemaña e Polonia, que serán os encargados de formar a estes novos 1.500 recrutas.

A Unión Europea destinou só a cargo dos fondos dos programas comunitarios para o desenvolvemento 2.500 millóns de euros de axuda militar a Ucraína. Neste sentido, a Comisión Europea modificou a súa normativa para poder destinar fondos á compra de armamento.

A asistencia financeira da Unión Europea a Ucraína para gasto militar vese completada polas achegas directas de cada un dos Estados membros. Nesta liña, Alemaña anunciou onte o envío 100.000 pezas de abrigo, un centenar de tendas de campaña con calefacción, centos de xeradores portátiles e paquetes de alimentos militares individuais.

O malestar da poboación da Unión Europea

O anuncio deste novo paquete de axuda militar por parte da UE chega nun momento onde o malestar pola guerra se estende pola Europa comunitaria. Onte mesmo, Alemaña viviu importantes xornadas de protesta  contra as sancións ás exportacións rusas.

Comentarios