Sánchez e Scholz acordan na Coruña reforzar a "cooperación" sobre armamento

Inés Rei pide que se manteñan os investimentos públicos.
Pedro Sánchez e Olaf Scholz, esta cuarta feira, na Coruña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Olaf Scholz, esta cuarta feira, na Coruña. (Foto: Europa Press)

Esta cuarta feira foi a presentación do XXV cumio hispano-alemá na cidade da Coruña, un encontro no que participaron o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e o chanceler alemán, Olaf Scholz.

Neste acto, asinaron unha declaración conxunta na que o Estado español e o alemán se comprometeron a fortalecer as "capacidades europeas en materia de defensa" e a reforzar a cooperación sobre armamento e industria do sector.

Porén, non fixeron ningunha mención ao escudo antimísil europeo nin á posibilidade de que Moncloa se sume a este proxecto impulsado por Berlín, unha cuestión que a embaixadora alemá no Estado español, María Margarete Gosse, afirmou esta terza feira que se trataría durante esta xornada.

Así, os dous estados mostráronse de acordo na importancia de reforzar a súa colaboración, "tanto bilateralmente como no seo da UE e da OTAN", segundo sinala o texto, para "garantir a paz e a seguridade da cidadanía".

Con todo, se ben Scholz, avogara en agosto pola creación dun sistema de defensa aérea conxunto a nivel europeo para gañar "en seguridade" no continente invertendo "de forma significativa" en defensa nos próximos anos tras a guerra en Ucraína, segundo fontes da Moncloa, o Goberno español non recibiu aínda a proposta.

Paralelamente, durante o acto desta cuarta feira, Greenpeace despregou unha pancarta contra o Midcat, o proxecto de gasoduto entre o Estado español e o francés, para demandar que o diñeiro se destine a enerxías renovábeis.

Encontro de Sánchez e Rei

Sánchez mantivo tamén un encontro no consistorio coruñés coa alcaldesa, a socialista Inés Rei, na que a rexedora lle trasladou a "necesidade de manter o ritmo de investimentos públicos para mellorar os servizos da urbe". Tamén lle pediu que a cidade sexa a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial.

Comentarios