Bulgaria levanta parte das sancións a Rusia por problemas de abastecemento

O Executivo autoriza a concesión de novos contratos de subministro de combustíbel para motores.
Fontes da OPEP sinalaron que non incrementarán a oferta de petróleo. (Foto: Mohssen Assanimoghaddam / dpa)
photo_camera A medida chega no mesmo día que a UE acorda novas sancións a Rusia. (Foto: Mohssen Assanimoghaddam / dpa)

O Goberno de Bulgaria acordou esta cuarta feira aliviar as restrincións ao mercado ruso, promovidas pola Unión Europea, por mor dos problemas de abastecemento de combustíbeis que atravesa o país.

En concreto, Sofía informou da concesión dunha "excepción" a un apartado do paquete de sancións aprobado polo ente comunitario e que fai alusión ao subministro de carburantes para motores.

"Permítese a adxudicación de novos contratos públicos, así como a execución dos contratos en vigor e acordos marco a respecto do subministro de combustíbeis para motores a partir do próximo 10 de outubro", expón, nun comunicado.

Esta "excepción" á norma, precisa o Executivo, "imponse debido á necesidade de proporcionar [este tipo de carburantes] para o funcionamento dos órganos e estruturas estatais, a fin de protexer a orde pública, a vida e a saúde da cidadanía búlgara, así como a seguridade nacional".

A medida ficará en vigor até o 31 de decembro de 2024, a pesar de que a UE acordou esta mesma cuarta feira novas sancións á Federación Rusa que incluirá, entre outras cuestións, un tope ao prezo do petróleo procedente deste país.

Esta medida chega como reacción á recente adhesión á Federación Rusa dos territorios de Donetsk, Lugansk, Zaporijia e Kherson. "Nunca aceptaremos os falsos referendos nin tipo ningún de anexión. Estamos determinados a continuar facendo que o Kremlin pague", afirmou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

Vladimir Putin, pola súa parte, asinou un decreto que nomea os líderes rexionais destes catro territorios, mantendo Leonid Pasechnik e Denis Pushilin á fronte de Lugansk e Donetsk, respectivamente, mentres a administración de Zaporijia recae en mans de Evgeni Balitski e a de Kherson, en Vladimir Saldo.

Comentarios