Zelenski fecha a porta a negociar con Rusia para acabar coa guerra

Ucraína aproba un decreto no que estabelece a "imposibilidade" de negociar co presidente ruso, Vladimir Putin. Ao tempo, un ex alto cargo da ONU sinala cara aos Estados Unidos pola sabotaxe contra os gasodutos que unen Rusia con Alemaña.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Presidencia de Ucraína)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Presidencia de Ucraína)

O Goberno de Ucraína dirixido por Volodimir Zelenski resolveu esta terza feira bloquear calquera posibilidade de negociación con Moscova para avanzar na resolución do conflito bélico no país, ao aprobar un decreto no que salienta a “imposibilidade de negociar co presidente [ruso] Vladimir Putin”, como parte das conclusións do Consello de Seguridade e Defensa do país que se reuniu a pasada sexta feira.

A norma reivindica a soberanía ucraína sobre Donetsk, Luhansk, Khersón e Zaporijia, os catro territorios incorporados a Rusia após os referendos da semana pasada, e cuxa adhesión foi ratificada esta terza feira pola cámara alta do Parlamento ruso, un día despois de que a Duma Estatal fixera o propio.

As votacións, que no foron recoñecidas polos países que integran a Organización do Tratado do Atlántico Norte, provocaron que os países da alianza militar que están na Unión Europea convocaran os representantes diplomáticos de Moscova para rexeitar a incorporación destes territorios.

O voceiro do Kremlin, Dimitri Peskov, respondeu ao decreto apuntando que agardan unha mudanza na posición de Zelenski ou “a chegada dun novo presidente que teña outra postura en interese do pobo ucraíno”, reiterando que xa antes da entrada de Rusia na guerra apoiaron que “se materializasen a través de medios pacíficos, diplomáticos e negociados as condicións que presentamos”, marcadamente, a renuncia de Kíiv a integrarse na alianza militar liderada polos Estados Unidos (EUA).

No que atinxe á sabotaxe sufrida polos gasodutos Nord Stream 1 e Nord Stream 2, que unen Rusia con Alemaña, o economista da Universidade de Columbia (EUA) e ex conselleiro da Secretaría Xeral da Organización das Nacións Unidas, Jeffrey Sachs, acusou Washington de destruír as infraestruturas, “quizais os EUA e Polonia”, declarou a Bloomberg, explicando que os datos de radar da zona afectada no intre da sabotaxe amosan a presenza de helicópteros militares estadounidenses procedentes das súas bases en Polonia.

Kíiv avanza en Khersón

No plano militar, as Forzas Armadas ucraínas fixéronse esta terza feira coas localidades de Arkhanhel's'ke e Novopetrivka, en Khersón. Ao norte, medios especializados confirman o control das tropas de Kíiv no nordeste de Lyman, en Donetsk.

Amais, Moscova anunciou que máis de 200.000 militares xa están recibindo adestramento adicional como parte da mobilización parcial anunciada por Putin, que prevé incorporar 300.000 militares á guerra.

Comentarios