Zelenski demanda o ingreso "acelerado" de Ucraína na OTAN

Segundo o presidente ucraíno, o seu país é un referente dos “valores da comunidade euroatlántica”.
Volodimir Zelenski, coa petición formal de entrada de Ucraína na OTAN. (Foto: Europa Press)
photo_camera Volodimir Zelenski, coa petición formal de entrada de Ucraína na OTAN. (Foto: Europa Press)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, demandou esta sexta feira e de maneira formal a petición de entrada na OTAN a través dun proceso “acelerado”, despois de que o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, asinase os tratados de adhesión de Donetsk, Luhansk, Zaporiyia e Kherson.

“Sabemos que é posíbel. Vemos como Finlandia e Suecia comezan a súa adhesión este ano sen un plan de acción”, sinalou o presidente, que pediu a mesma consideración para o seu país porque “é o xusto”.

Neste sentido, Zelenski definiu a entrada de Ucraína na OTAN como un paso “decisivo para a seguridade de toda a comunidade de nacións libres”, ao tempo que asegurou que “Rusia non se tería detido nas nosas fronteiras se non a tivésemos detido nós”.

Segundo o presidente ucraíno, o seu país é un referente dos “valores da comunidade euroatlántica” e salientou que Ucraína xa é un socio “de facto” da Alianza Atlántica, e que só lle falta pasar a formar parte de maneira oficial da organización militar.

Mentres os países que integran a OTAN debaten e votan a entrada de Ucraína no organismo, Zelenski exixiu que se apliquen unha serie de medidas para garantir a seguridade de Ucraína e do resto de Europa, aínda que non especificou cales.

Adhesión dos óblast ucraínos

O pazo do Kremlin, en Moscova, acolleu na mañá desta sexta feira a cerimonia na que o presidente Vladimir Putin e os actuais dirixentes dos territorios de Donetsk, Luhansk, Zaporiyia e Kherson asinaron a súa adhesión a Rusia.

Durante o acto institucional, Putin asegurou que os “habitantes das rexións das repúblicas populares de Luhansk e Donetsk, Zaporiyia e Kherson tomaron unha decisión inequívoca”. “Os seus habitantes convértense nos nosos cidadáns para sempre”, engadiu.

Comentarios