Turquía anuncia operación militar contra o Partido dos Traballadores de Kurdistán

O ataque contra os kurdos, que inclúe unha ampla campaña de ataques aéreos con avións, helicópteros e aparellos non tripulados, así como unha incursión terrestre de tropas de comando, comezou nas últimas horas do domingo.
Soldado turco apunta co seu fusil durante unha operación militar. (Foto: Europa Press)
photo_camera Soldado turco apunta co seu fusil durante unha operación militar. (Foto: Europa Press)

O Goberno de Turquía anunciou esta segunda feira o lanzamento dunha nova operación no norte do Iraq contra o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), á vez que resaltou que as accións terrestres e aéreas deron comezo nas últimas horas do domingo. 

O ministro de Defensa turco, Hulusi Akar, destacou que a operación 'Garra de Bloqueo' foi lanzada contra obxectivos do grupo nas rexións de Avasin-Basyan, Metina e Zap coa intención de pór fin aos ataques do PKK e garantir a seguridade fronteiriza.

"Após unha longa preparación e coordinación, demos comezo á operación 'Garra de Bloqueo'. Até o de agora, todos os obxectivos planificados foron logrados", manifestou, antes de agregar que as forzas turcas teñen destruído "refuxios, búnkeres, covas, túneles, almacéns de munición e centros de mando" das forzas kurdas. Así mesmo, incidiu en que as operacións  teñen lugar "respectando a integridade territorial e os dereitos soberanos do irmán e amigo Iraq".

A operación inclúe unha ampla campaña de ataques aéreos con avións, helicópteros e aparellos non tripulados, así como unha incursión terrestre de tropas de comandos, sinalou durante a súa intervención o ministro turco, Hulusi Akar.

O PKK loita pola independencia 

Após a ruptura do alto ao fogo pactado entre o Estado turco e o PKK no 2015, Turquía emprendeu reiteradas ofensivas contra os kurdos no sueste do territorio turco e no norte dos Estados de Iraq e Siria.

O PKK, que busca a independencia da parte de Kurdistán en territorio do Estado turco, leva loitando contra o Goberno de Ankara desde 1984 nun conflito que cobrou máis de 40.000 vidas. O movemento é considerado como unha agrupación terrorista por Turquía, os Estados Unidos de América e a Unión Europea.

Un ano desde a ilegalización do HDP

Os novos ataques contra decorren xusto na semana na que se cumprirá un ano da ilegalización do Partido Democrático dos Pobos (HDP), que representaba na altura a terceira forza política do Estado, polos supostos vínculos co tamén prohibido PKK.

Aquela decisión foi acompañada da prohibición de exercer a política a 500 persoeiros que tiñan mostrado publicamente o seu apoio á minoría kurda fronte á persecución do Estado. 

Comentarios