O Constitucional turco culmina a persecución do HDP e prohíbeo

A decisión do tribunal supón a sétima ilegalización dunha forza prokurda deste 1990. O HDP é a terceira forza política de Turquía, con 67 escanos na Gran Asemblea Nacional, o que non impediu a persecución e ilegalización do partido.
Nai da vítima dun ataque a semana pasada a sede do HDP en Izmir. (Foto: Uygar Ozel / ZUMA Wire / dpa)
photo_camera Nai da vítima dun ataque a semana pasada a sede do HDP en Izmir. (Foto: Uygar Ozel / ZUMA Wire / dpa)

O Tribunal Constitucional turco decidiu esta terza feira prohibir e disolver o Partido Democrático dos Pobos (HDP), a terceira forza política do Estado, polos supostos vencellos co tamén prohibido Partido dos Traballadores do Kurdistán.

Esta decisión implica que a formación terá que entregar todos os seus activos e contas bancarias, e supón a sétima ilegalización dun partido político prokurdo desde 1990.

Tamén prohibe a 500 persoeiros significados polo apoio á minoría kurda exercer a actividade política, entre eles os copresidentes do HDP Pervin Buldan e Mithat Sancarr.

A resolución do tribunal, que pode ser recorrida nos vindeiros dous meses mais con poucos visos de prosperar, supón o final de anos de persecución por parte do Executivo encabezado por Recep Tayyip Erdoğan, que leva desde 2014 exercendo a Presidencia despois de ser primeiro ministro entre 2003 e 2014.

Persecución

Desde a aparición do HDP e con maior énfase desde a súa irrupción electoral en 2015, o sistema xudicial turco perseguiu tanto a dirección como a militancia, o diario belga Le Soir estimou en 2018 que 26.000 persoas relacionadas coa organización estaban en prisión.

No caso da maioría de alcaldesas e alcaldes do HDP, foron engaiolados e acusados para evitar que asumiran os cargos para que os que foron electos. A deputados como Faruk Gergerlioğlu quitóuselle a inmunidade parlamentar por facer “propaganda dunha organización terrorista” tras rechouchiar unha nova na que se chamaba a Turquía e ao PKK a acadar un acordo de paz.

Neste intre estase a desenvolver un xuízo contra 108 militantes do HDP, entre eles os ex copresidentes Selahattin Demirtaş e Figen Yüksekdağ.

Esta segunda feira o Consello de Europa sinalou a Turquía polo trato as forzas prokurdas no informe no que cuestionaba a actuación do Estado español en contra de Catalunya.

Despois de facerse público o fallo do Tribunal Constitucional turco, a voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, criticou a ilegalización do HDP e apuntou que “supón unha grave deriva antidemocrática en Turquía e da onda represiva encabezada polo ditador Erdogan”, asemade, transmitiulle a solidariedade do BNG.

Seis millóns de votos

O HDP converteuse despois da súa fundación en 2012 no referente da esquerda en Turquía, apostando pola igualdade de dereitos para as mulleres, as minorías, ou a comunidade LGTBI, así como polo impulso dunha economía sostíbel.

Nel integráronse persoas e forzas turcas mais tamén kurdas, previamente organizadas no Congreso Democrático dos Pobos. A súa estratexia permitiulle acadar nas primeiras eleccións as que se presentaron, as parlamentares de 2015, 80 escanos grazas a seis millóns de votos.

O resultado abondou para superar o 10% dos sufraxios (alcanzaron o 13,12%), a barreira mínima para acceder a Gran Asemblea Nacional turca e mais para poder presentar legalmente unha candidatura presidencial.

Na repetición electoral e nas últimas eleccións lexislativas obtiveron un porcentaxe de voto semellante, que lles permitiu en 2018 reter 67 escanos e manter a súa presenza no hemiciclo, sendo a forza máis votada no Kurdistán situado dentro das fronteiras turcas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios