Nais de presos kurdos, vexadas nunha marcha na capital turca

Pervin Buldan, líder do partido prokurdo HDP, foi categórica: nos cárceres turcos cométense crimes de lesa humanidade, con "torturas", "asasinatos disfrazados de suicidio" e "execucións de presos enfermos". Nais destes últimos peregrinaron até Ankara para exixiren xustiza, mais a súa voz foi silenciada.
nais_presos_kurdos_medyanews
photo_camera As mulleres, nunha sala do Parlamento turco, escoitando o discurso de Buldan (Foto: Medya News)

Mulleres chegadas de todas as provincias de maioría kurda baixo soberanía turca. De Wan (Van, en turco), Amed (Diyarbakır), Sirnex (Şırnak), Êlih (Batman), Mêrdin (Mardin), Gever (Yüksekova), Sêrt (Siirt). Tamén de Istambul. Nais de presos kurdos, xuntas na capital de Turquía, Ankara, para protestaren polos malos tratos sistemáticos a que os seus fillos son sometidos nos cárceres.

Pervin Buldan, copresidenta do HDP, o prokurdo Partido Democrático dos Pobos ─terceira forza política de Turquía por número de representantes─, vocalizouno de maneira ben contundente: "torturas", "linchamentos", "execucións de prisioneiros enfermos", "asasinatos disfrazados de suicidio"... En definitiva, "crimes de lesa humanidade" para os que ─advertiu─ non existe un prazo de prescrición.

Foron declaracións realizadas diante desas nais, nunha das paradas da xornada de mobilización da pasada terza feira en Ankara, que as levou primeiro ao Parlamento turco, de acordo con informacións da axencia Mezopotamya News. Alí presentaron un escrito de 11 páxinas onde, entre outras reclamacións básicas, exixen a urxente posta en liberdade de 38 presos kurdos gravemente enfermos.

Buldan acusou o Goberno de Recep Tayyip Erdogan de "converter os cárceres en campos de concentración" e o país "nunha prisión semiaberta con detencións inxustas e ilegais". En resumo, unha "pena de morte de facto para os presos", segundo se recolle na web do partido.

A seguir, as nais emprenderon unha marcha cara ao ministerio de Xustiza, mais segundo recolleu Medya News, portal de información kurda, foron bloqueadas por un cordón policial, "insultadas e forzadas a dispersarse". Mentres que Mezopotamya News recolleu que foran agredidas polos axentes. 

"Queremos xustiza. Xa abonda, non nos poñan a proba. Queremos os nosos fillos vivos, non ataúdes saíndo das prisións", expresou unha das nais, Necla Kocaman, diante do Parlamento antes de seren obrigadas a montar nun vehículo. 

2021: "o ano da mentira, do saqueo, da corrupción e das conspiracións"

Representantes do HDP recibiron no Parlamento as nais de presos kurdos, que participaron na xuntanza semanal da formación, a primeira do ano. Buldan aproveitou para facer un balance do acontecido nos últimos meses, e ligou a situación que se vive nas prisións co contexto de grave crise económica que está a atravesar Turquía. Coa lira polo chan e a inflación polas nubes, o presidente Erdogan está contra as cordas. 

Para a líder do HDP ─partido ameazado de ilegalización─, 2021 caracterizouse polos continuos abusos no eido político, social, económico e social. "Foi o ano da anarquía, da arbitrariedade, da mentira, do saqueo, do roubo, da corrupción e das conspiracións", dixo, cun Goberno que "non dá solucións aos problemas fundamentais de Turquía, especialmente ao problema kurdo". 

Comentarios