Oriente Próximo

As forzas kurdas denuncian que o exército turco continúa a disparar malia o cesamento do fogo

A tregua de cinco días en Roiava (Kurdistán sirio) -aceptada polas Forzas da Siria Democrática- foi anunciada esta pasada quinta feira, 17 de outubro, polos Gobernos de Turquía e dos EUA.

turquia-exercito2
photo_camera Soldados turcos atacando posicións do YPG. Foto: twitter Forzas Armadas de Turquía

As forzas kurdas en Roiava (Kurdistán sirio) denunciaron esta sexta feira, 17 de outubro, que as tropas turcas continúan a disparar artillería na cidade de Serê Kaniyê‎ (Ras al-Ayn, en árabe), fronteiriza con Turquía, malia a tregua de cinco días anunciada o día anterior por Ankara e Washington, segundo informan axencias internacionais citando fontes das Forzas da Siria Democrática (FSD).

O cesamento do fogo por parte de Turquía, que oficialmente deu comezo ás 22h local, procura que as Unidades de Protección Popular (YPG, pola súa siglas en curdo, principal compoñente das FSD)se retiren da “zona de seguridade” de 32 km que Erdogan pretende estabelecer na zona. O acordo, negociado coa Administración estadounidense, foi presentado na prensa do país otomán como unha gran vitoria.

Desde o comezo da operación Manancial de Paz, segundo datos das autoridades sanitarias kurdas en Roiava, 218 civís perderon a vida, entre estes 18 crianzas, e 653 persoas resultaron feridas.

Comentarios