Un tribunal turco condenou hai uns días o cantante kurdo Veysi Ermiş a un ano e medio de prisión por usar as palabras "Kurdistán" e "guerrilla" nunha canción, segundo inforumou Nationalia.
O xuíz suspendeu a condena ao non ter o músico antecedentes mais advertiuno de que en Turquía usar estas dúas palabras equivale a eloxiar o PKK.
Ermiş está vinculado ao Centro Cultural Mesopotámico (MKM), un espazo de promoción das artes kurdas que sufriu persecución e ilegalización desde a súa fundación en Istambul en 1991.
Souleyman
Ademais, a policía turca detivo na cidade de Urfa o músico árabe sirio Omar Souleyman acusado de manter vínculos coas YPG, a milicia kurda de Siria próxima ao PKK. Souleyman vive en Turquía desde 2011.
A axencia turca IHA vincula a detención con declaracións "hai uns anos en Alemaña" nas que Souleyman eloxiou o PKK e o líder e fundador da organización, Abdullah Öcalan.
Irónicamente, a mesma axencia publicou en 2019 un informe sobre Souleyman no que destacaba que o músico abrira unha panadería en Urfa onde repartía pan gratuíto aos refuxiados que, segundo os medios, “fuxiran da persecución das organizacións terroristas Daesh e PKK/YPG”.
O axente do cantante, con todo, di que Souleyman está a ser interrogado sobre unha viaxe que supostamente fixo a zonas controladas polas YPG de Siria, e confía en que sexa liberado axiña.
Souleyman combina o dabke e outras músicas tradicionais árabes, kurdas e asirias da súa rexión natal (Cîzîre no nordeste de Siria) con sons electrónicos