O tribunal da ONU exixe a Israel que non bloquee a axuda para Gaza

Ordena que evite o xenocidio en Palestina.
Gazatís pedindo comida. (Foto: Mahmoud Issa / DPA vía Europa Press)
photo_camera Gazatís pedindo comida. (Foto: Mahmoud Issa / DPA vía Europa Press)

A Corte Internacional de Xustiza, o máximo órgano xudicial da Organización das Nacións Unidas (ONU), emitiu a quinta feira unha nova orde con máis medidas provisionais tras a demanda de Suráfrica, que impulsou un caso contra Israel, ao que acusa de estar cometendo un xenocidio contra o pobo palestino en Gaza, afirmación avalada por persoas expertas da ONU.

O tribunal, valorando “o empeoramento das condicións de vida que enfrontan os palestinos en Gaza, en particular a propagación da fame e a inanición”, ordenou ao Goberno de extrema dereita sionista que, “en plena cooperación coa ONU”, execute todas as medidas necesarias para garantir “a prestación sen obstáculos e a grande escala” dos “servizos básicos e asistencia humanitaria que se necesitan con urxencia”, o que inclúe alimentos, auga, electricidade, combustíbel, aloxamento, roupa, hixiene, saneamento ou atención médica.

Nese sentido, ratifica que a orde tense que aplicar “incluso aumentando a capacidade e o número de puntos de cruce terrestres e manténdoos abertos durante o tempo que sexa necesario”.

Asemade, exixiu ao réxime de apartheid israelí que garanta “con efecto inmediato que o seu Exército non cometa actos que constitúan” xenocidio, unha reclamación que tamén se refire a “impedir, mediante calquera acción, a entrega da asistencia humanitaria que se precisa con urxencia”. Ademais, resolveu que nun mes Israel ten que presentarlle un informe sobre todas as medidas que implementou.

Non obstante, non requiriu a aplicación da principal petición surafricana, que ordene a Israel que declare un alto o fogo para acabar cunha agresión militar que asasinou máis de 32.500 palestinas e palestinos na Faixa nos bombardeos indiscriminados contra civís e no intento de invasión.

Sexa como for, os sionistas tampouco aplicaron a exixencia dun cesamento de hostilidades do Consello de Seguridade da ONU e están a frear as conversas para un entendemento coa organización palestina Hamás.

A orde chega despois de que no mínimo unha trintena de crianzas morreran de inanición e máis dun millón de persoas afronten unha fame catastrófica. Amais de obstaculizar a entrada de axuda humanitaria, os militares sionistas atacaron repetidamente convois con axuda humanitaria e persoas que os agardaban.

Tamén fixaron como obxectivo os centros médicos de Gaza, o que levou a que só 10 dos 36 hospitais do enclave estean funcionando parcialmente.

Comentarios