Israel ameaza con destruír o hospital al Shifa se os doentes non foxen

140 persoas foron asasinadas no centro médico máis grande de Gaza.
Crianzas e persoas adultas palestinas asasinadas por Israel en Gaza, a cuarta feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Crianzas e persoas adultas palestinas asasinadas por Israel en Gaza, a cuarta feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)

No mínimo 140 persoas foron asasinadas polos militares israelís no interior do hospital al Shifa de Gaza, que asaltaron a segunda feira, sinalou a quinta o Exército sionista, acusándoas de terrorismo e detendo 650 máis.

Porén, Hamás, que goberna a Faixa, reiterou que non hai combatentes no centro e que é unha nova estratexia de Israel para obstaculizar as conversas para un alto o fogo, e as autoridades gazatís acusan o Goberno de extrema dereita israelí de fabricar unha vez máis unha narrativa falsa para xustificar os seus crimes.

O certo é que non é a primeira vez que Israel aduce a presenza de combatentes palestinos para bombardear ou asaltar un centro médico. En novembro, xa entrara no al Shifa por mor da existencia dun suposto centro de mando de Hamás que nunca atopou, e desta vez incide en que a resistencia reagrupouse no hospital, a pesar de que Israel leva semanas insistindo en que acabou con ela no norte de Gaza, onde se sitúa.

400 ataques a centros médicos

Este tipo de instalacións foron atacadas máis de 400 veces desde o comezo en outubro da agresión militar israelí.

Hani Mahmoud, da canle Al Jazeera, detallou que as tropas sionistas “demoleron todo o centro de atención especializada do hospital”, e ordenaron “que todos os que se atopen dentro”, “incluído o persoal médico e os pacientes, evacúen inmediatamente. Do contrario, toda a instalación voará polos aires”. Todo isto en paralelo aos bombardeos israelís nas proximidades.

Consello de Seguridade da ONU

No marco das trabas israelís á negociación dun alto o fogo, os Estados Unidos, principal aliado sionista, presentaron unha resolución ambigua no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas que “determina o imperativo” dun cesamento de hostilidades “inmediato”.

Comentarios