Son Ceuta e Melilla "unha afronta á integridade marroquí"? As palabras dunha ex ministra do PSOE reavivan a tensión nas dúas cidades

Tanto o PSOE de Ceuta como o de Melilla acusaron María Antonia Trujillo de facer declaracións “falsas e inaceptábeis”.
Tanques blindados do Exército español na praia do Tarajal, mentres devolven sen proceso xudicial as persoas que entran en Ceuta. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)
photo_camera Tanques blindados do Exército español na praia do Tarajal, mentres devolven sen proceso xudicial as persoas que entran en Ceuta. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)

A ex ministra de Vivenda do Estado español durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, María Antonia Trujillo, asegurou a última hora deste sábado que tanto Ceuta como Melilla “supoñen unha afronta á integridade territorial de Marrocos” e “son vestixios do pasado que interfiren” nas súas relacións co Estado español.

A ex ministra, que realizou estas declaracións no congreso As relacións entre Marrocos e España: onte e hoxe, organizado pola Universidade Abdelmalek Essaadi de Tetuán, tamén subliñou que as dúas cidades “durante máis tempo foron árabes que cristiás”, segundo citan medios marroquís.

“Ante os efectos nocivos dunhas fronteiras non sas, a resposta política é o diálogo e non mirar cara ao outro lado ou o silencio... A reivindicación marroquí está plenamente xustificada, inscrita no seu ideario nacional e é irrenunciábel” chegou a asegurar Trujillo, segundo medios locais, falando sobre o interese da monarquía de Marrocos de incorporar Ceuta e Melilla ao seu territorio.

Para a ex ministra, “o peso dos argumentos históricos e xurídicos, que os hai e son relevantes [para que as dúas cidades sigan sendo españolas] cede ante o devir dos feitos que reclaman unha resposta política, ética, razoábel e aceptábel para ambos países mediante un diálogo aberto e sincero”.

Críticas do PSOE de Ceuta e Melilla

Despois de coñecerse as declaracións de Trujillo neste congreso, tanto o PSOE de Ceuta como o de Melilla saíron ao paso destas aseveracións, asegurando que as palabras da ex titular de Vivenda “non representan” o sentir dos socialistas e “son falsas e inaceptábeis”. “Para os socialistas, a españolidade das cidades autónomas é incuestionábel”, escribiu o PSOE de Melilla na súa conta de Twitter, acompañando o texto cunha bandeira do Estado español.

As palabras da antiga ministra socialista chegan apenas uns meses despois de que o Goberno español, encabezado polo presidente Pedro Sánchez, cambiase por completo a súa postura con respecto ao conflito entre Marrocos e o Sáhara Occidental.

O pasado 18 de marzo deuse a coñecer o envío dunha carta por parte do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao rei Mohamed VI, na que, segundo a Casa Real de Marrocos, Sánchez cualificaba o "plan de autonomía" do país para o Sáhara Occidental como "a base máis seria e realista para a resolución" do conflito.

Esta proposta, presentada por Marrocos en 2007, deixa o Sáhara Occidental baixo a total soberanía marroquí, a excepción dalgunhas pequenas competencias que quedarían cedidas á Fronte Polisario, que actualmente rexe a autoproclamada República Árabe Saharaui Democrática, os territorios que segue sen controlar o Exército marroquí.

Comentarios