O Goberno español cede ante Marrocos e apoia o seu plan para o Sáhara Occidental

Após 15 meses de conflito diplomático entre o Estado español e Marrocos, o cambio de postura do Executivo estatal, no marco da guerra de Ucraína, é entendido pola Fronte Polisario e polas asociacións de axuda ao pobo saharauí como un "erro".
Encontro institucional entre o Goberno español e o rei de Marrocos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Encontro institucional entre o Goberno español e o rei de Marrocos. (Foto: Europa Press)

O Estado español vén de cambiar a súa postura con respecto ao conflito entre Marrocos e o Sáhara Occidental, co envío dunha carta por parte do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao rei Mohamed VI, na que, segundo a Casa Real de Marrocos, Sánchez cualifica o "plan de autonomía" do país para o Sáhara Occidental como "a base máis seria e realista para a resolución" do conflito.

Esta proposta, presentada por Marrocos en 2007, deixa o Sáhara Occidental baixo a total soberanía marroquí, a excepción dalgunhas pequenas competencias que quedarían cedidas á Fronte Polisario, que actualmente rexe a autoproclamada República Árabe Saharaui Democrática, os territorios que segue sen controlar o Exército marroquí.

Segundo o presidente español, Marrocos realizou "esforzos serios e críbeis, no marco de Nacións Unidas (ONU) para atopar unha solución mutuamente aceptábel".

Para a voceira da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui(Sogaps), Maite Isla, o cambio de postura do Goberno español con respecto á situación do Sáhara Occidental é "profundamente indignante". Isla, en conversa co Nós Diario, explica que non entende a posición de Pedro Sánchez, "no momento de crises abertas que estamos a vivir".

Resposta dos actores implicados

A voceira de Sogaps cre que a carta do presidente do Goberno español ao rei Mohamed VI chega no "peor momento posíbel", e que o "desafortunado" do cambio de postura pode causar aínda máis problemas ao Estado español dos que o Executivo "pensa que está a solucionar".

"Neste momento de guerra en Ucraína e co problema do gas que chega de Rusia, o Goberno español non pode cometer este erro, tendo en conta a situación na que nos atopamos con Arxelia", sinala Isla, quen opina que nos vindeiros días é probábel que o Goberno arxelino faga un posicionamento público con respecto á posición do Estado español, porque "Arxelia non vai quedar calada nun tema que lle afecta".

Polo de agora, quen xa se manifestou foi o delegado do Polisario no Estado español, Abdulah Arabi, nunha entrevista concedida a Europa Press na que afirma que Pedro Sánchez "sucumbiu ante a presión" de Marrocos como "peaxe" para solucionar a crise diplomática existente entre ambos Estados.

Arabi cualificou de "hipócrita" o Goberno español por "defender a legalidade internacional" para despois apoiar a proposta de Marrocos, que "é unha opción, pero non é a solución" que precisa o Sáhara Occidental.

Comentarios