Marrocos recibirá máis de 500 millóns de euros para impedir a inmigración á Unión Europea

Supón 50% máis que a anterior partida enviada por Bruxelas, de 343 millóns de euros.
A policía de Marrocos amontona os corpos de varios migrantes mortos e feridos en Melilla. (Foto: AMDH)
photo_camera A policía de Marrocos amontona os corpos de varios migrantes mortos e feridos en Melilla. (Foto: AMDH)

No marco dos convenios de cooperación en política migratoria asinados por Marrocos e a Unión Europea, o país do norte de África recibirá máis de 500 millóns de euros para frear a "inmigración irregular".

Trátase do paquete de axudas máis grande que recibe Marrocos desde que mantén estes acordos de colaboración con Bruxelas.

En concreto, os 500 millóns de euros cubrirán o período comprendido entre 2021 e 2027, e supoñen 50% máis que a contía destinada pola UE a Marrocos no anterior convenio de cooperación, cando alcanzou os 343 millóns de euros.

O anuncio desta axuda a Marrocos chega cando Bruxelas está a endurecer as súas políticas en materia de inmigración. Neste sentido, a Unión Europea aposta por reforzar a colaboración entre as axencias de intelixencia dos Estados membros e Marrocos, así como por aumentar os dispositivos policiais destinados a controlar os fluxos migratorios.

Política migratoria de Marrocos

O pasado 24 de xuño tivo lugar o último escándalo en materia migratoria por parte de Marrocos e o Estado español, cando axentes da policía marroquí asasinaron 37 persoas que intentaban cruzar o valado de Melilla para acceder a solo español.

No masacre, que tamén deixou centos de persoas feridas de gravidade, obtivéronse varias imaxes e gravacións que deron mostra do trato lesivo dos corpos e forzas de seguridade de Marrocos coas persoas migrantes. Unha actuación policial que foi defendida polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, poucos días despois de ter sucedido.

Aliás, o réxime de Mohamed VI tamén foi acusado de soterrar en fosas comúns, sen a realización de autopsia, as persoas asasinadas no intento do salto ao valado de Melilla.

Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) compartiu nas súas redes sociais imaxes que confirmaban como as autoridades de Marrocos enviaran varios traballadores á cidade de Nador para cavar estas fosas comúns.

Comentarios